Vox e o idioma castelán

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

22 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Miquel Montoro é un rapaz de 13 anos que colga vídeos das actividades que realiza no campo e engaiola á audiencia coa súa simpatía e o seu saber. Ás veces fala mallorquín e outras castelán, pero vese que o seu primeiro idioma é o mallorquín, e esa circunstancia levou a unha concelleira de Vox a publicar un tuit, compadecéndoo: «Un niño español de 13 años que no sabe hablar castellano en condiciones y con naturalidad. Es tremendo».

Rapaces que se expresaban mellor en galego que en castelán tívenos eu de condiscípulos na academia de Ferrol onde estudei o bacharelato, e o director, que ía de republicano e azañista, mofábase deles cunha crueldade que só podía permitirse no franquismo: «¡Aldeano, es usted un aldeano. Y su padre es otro aldeano. Seguro que su padre come con boina!».

Vox quere garantir que todos os españois coñezamos o castelán mellor que Miquel e levou ao Congreso unha proposición non de lei para que se fagan probas de nivel ou exames que o acrediten; sobre todo nos territorios con outro idioma cooficial. E, xa de paso, que se estude exclusivamente en castelán en todo o territorio nacional; e que en ningún caso se poida obrigar a un funcionario a coñecer a lingua cooficial.

En fin, o que Vox quere é volver ao primeiro franquismo. Ao das follas voandeiras de 1955, con pé da Imprenta Sindical e o texto: «Hable bien. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que usted hable nuestro idioma oficial, o sea el castellano. Es ser patriota. Viva España y la disciplina y nuestro idioma cervantino ¡¡Arriba España!! ». Non fago demagoxia; a proposta de Vox está máis preto daquel franquismo represivo que do de Villar Palasí e a Ley General de Educación de 1970, que introduciu o estudo das outras linguas e literaturas de España. Claro que Villar Palasí falaba quince idiomas e era valenciano e liberal.

Villar Palasí entendería a Ramón Piñeiro cando dicía do idioma galego: «A lingua vén ser a alma viva do pobo que a fala». «Se a nós se nos distingue como unidade peculiar entremedias da familia europea é grazas ao idioma». Entendería que, por seren bilingües, autores galegos como Valle Inclán, Julio Camba, Wenceslao Fernández Flórez, Rafael Dieste e tantos outros, escribiron páxinas primorosas en castelán. E por amar os idiomas, ata entendería a miña nostalxia ao pronunciar palabras do ferrolán que falei na infancia: auñar, por correr; pava, por colilla; rallante, por pesado; conacho, por fachendoso; ollo á virolusa, por ollo morado; a todo filispín -do inglés full speed-, por a toda velocidade; chinclar, por soar… Dicíalle o avó ao neto, mozo, cando ía para a verbena: «Este peso, para gastar; estoutros dous, para chinclar».

Villar Palasí entendería todo e os líderes de Vox non entenden nada porque aspiran a facer realidade a versión española do lema daquel pequeno partido político, que foi o PSG: «Galicia, unha terra, un pobo, unha fala»; e trocalo en «España: una tierra, un pueblo, un idioma». Por iso din que o presidente Núñez Feijoo é nacionalista. Porque está matando o idioma galego pouquiño a pouco e eles quéreno matar de vez.