Por que reaparece Carvalho Calero?


O próximo 17 de maio, dedicado a Carvalho Calero, está a ser amplamente aplaudido. Tanto, que admira o tempo que tardou. Como se mencionou repetidamente, o motivo da demora foi o seu reintegracionismo, só que isto precisa de ser explicado, pois a maior parte da sociedade ignora que representou o autor para esta postura.

Carvalho propugnou tornar internacional o galego que falamos, isto é, acomodar a escrita ao mundo lusófono para adquirir maior potencial comunicativo, aproveitando que o idioma de Camões conserva o fundamental da escrita medieval galego-portuguesa. Usando como exemplo o seu apelido, do que se trata é de grafar Carvalho por Carballo, como na Comunidade de Países de Língua Portuguesa. Desta forma, pronunciando igual, multiplicamos o valor comunicacional de termos como pinheiro (por piñeiro) ou jeito (por xeito).

Nos anos 70 arranca o grande debate entre o modelo ortográfico de Castela ou de Portugal para o galego, porque se intuía próxima a chegada do galego ao ensino e era preciso definir a norma escrita. Até este momento, a postura enxebrista (veneradora do galego popular, mesmo o deturpado) sempre se desenvolvera pacificamente ao lado da historicista (aberta ao galego antigo e meridional). No entanto, a partir de 1971 irrompe o Instituto da Lingua Galega (ILG) para consolidar a primeira das posturas, ao mesmo tempo que na segunda vai espertando o antigo ideal galeguista de seguir o modelo gráfico luso, principalmente desde que La Voz de Galicia publica o primeiro de numerosos artigos reintegracionistas de Carvalho Calero (Ortografía galega, 1975).

Daquela Carvalho era a principal autoridade do idioma, pois fora o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC e autor da Gramática e da Historia da Literatura. Por estes méritos presidiu no ano 1979 a Comisión de Lingüística da Xunta para elaborar a normativa do galego, só que no ano 1982 foi afastado desta empresa pola Xunta de Fernández Albor, que decide optar polas normas independentistas (antirreintegracionistas) que actualmente estudamos nas escolas e que elaborara o ILG para a Real Academia Galega. Para sempre?

Transcorridos trinta e oito anos, a política tenta abrir portas do mundo lusófono e o momento crítico do galego está a provocar que o antirreintegracionismo vencedor daqueles anos se mostre menos firme na censura do pensamento lusista de Carvalho, pois certamente será por este ideal que o galego continuará vivo dentro de mil primaveras.

Por Eduardo Maragoto presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL)

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Por que reaparece Carvalho Calero?