Fumar, tomar café e o tempo libre

Jaime Cabeza Pereiro DECOTÍO

OPINIÓN

XOSE CASTRO

13 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As sentenzas que dita a Sala do Social da Audiencia Nacional son sempre resolucións de instancia e non crean xurisprudencia e tampouco a doutrina propia dun órgano superior á que estean sometidos os órganos xudiciais inferiores. Crean, como moito, unha casuística interesante, que ten máis ou menos valor atendendo ao prestixio das persoas que compoñan a sala.

Cómpre expresar esta idea antes de comentar brevemente esa sentenza da que dicía antonte a prensa que implicaba que as empresas van poder descontar as pausas para o café ou para fumar, entre outras, que se produzan entre xornada. Quizais si, dependendo das circunstancias. Pero iso é, basicamente, o que debe terse en conta: a circunstancialidade dos feitos, diferentes en cada caso.

Co gallo da implantación do rexistro horario, a empresa, logo de consultar cos representantes dos traballadores do centro de traballo de Madrid, estableceu, entre outras medidas, un sistema que rexistraba calquera saída que se realizaba por mor de pausas ou outras circunstancias. Impugnada a decisión, o que se discute é a licitude da mesma por consideracións xurídicas varias. O que estaba na cerna do problema era se unha práctica anterior, de tolerancia con certas saídas, implicaba que o cadro de persoal tiña dereito ás mesmas como parte da súa xornada efectiva, porque a tolerancia se erixira en dereito adquirido, ou se a empresa podía licitamente rexistrar cada pausa para que se descontase do tempo de traballo diario.

Hai que insistir en que a Audiencia Nacional falla á vista das circunstancias. Polo demais, na súa dimensión argumentativa, a sentenza é moi discutible. Pero, sexa a que sexa a decisión final -se o sindicato recorre o fallo en casación- non será posible dicir que computa ou non unha pausa como tempo traballado. Porque neste tipo de conflito cada entidade produtiva ten a súa propia identidade, o seu convenio colectivo, a súa historia de relacións laborais e a súa realidade singular. O que se precisa é solucións razoables a cada desacordo concreto. Máis nada.

Polo demais, as dúbidas se xeraron, en parte, por esta obriga de rexistro horario, que se introduciu como obriga legal o ano pasado cinco minutos antes de que o Tribunal de Luxemburgo expresase que era, en todo caso, un deber legal derivado do Dereito da UE. A norma interna é, dito caritativamente, algo mellorable. Hai que mellorar a súa feitura técnica, para seguridade xeral.

?