Franco ou Lenin?


Corenta e un anos despois do pasamento de Celso Emilio Ferreiro (1912?1979), Edicións Xerais de Galicia ofrécenos un novo volume de poemas do escritor, volume que os devotos do gran poeta abrimos con emoción. Non podía ser doutro xeito. Titúlase Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939) e contén un mollo de composicións, en lingua castelá, escritos nos anos da Guerra Civil en Asturias, onde os designios de Marte destinaron, manu militari, ao soldado Celso Emilio Ferreiro. Alí combateu baixo as bandeiras franquistas un cidadán que tiña o corazón no outro campo, no republicano, pero así son as guerras fratricidas.

Pertence Celso Emilio a esa estirpe de cidadáns -como Otero Pedrayo ou Cunqueiro- para os cales escribir é algo así como respirar, e, por tanto, non viven sen a respiración da escrita. Funcionaba nel o vello dito Nulla dies sine linea (ningún día sen unha liña). Así pois, quen escribía na paz, tamén o fai, in situ, na guerra. Faino naquelas circunstancias; por iso o fai en castelán e non no galego no que, meses antes, o soldado de 1937 era un dirixente moi activo en Celanova das Mocedades Galeguistas, circunstancia que non ignoraron os seus xefes militares que, precisamente no ano 1937, forzárono a escribir un romance que o magoou toda a súa vida.

Tal romance non se inclúe nesta colectánea, corpus de textos que o soldado Celso Emilio foi enviando, nos anos bélicos, a un amigo seu celanovés, Emilio Rodríguez Prenta, de quen pasaron á súa filla Mariel Rodríguez, que os perdeu, na década dos noventa, nunha mudanza. Así o conta Xavier Ferreiro Loredo, editor literario desta colectánea feita a partir de fotocopias dos orixinais perdidos. Así as cousas, é lícito sospeitar que a produción poética de Celso Emilio, no período bélico, non está totalmente representada nas páxinas rescatadas, felizmente recuperadas pola man devota dun fillo do noso poeta.

Desconcerta, neste volume, o poema Lenin, con versos que subscribiría calquera franquista da época: «Sólo los torpes, los imbéciles, los malos / sienten por ti veneración y aprecio». Pero o editor, sen amosar proba documental de ningún tipo, comunícanos que o verdadeiro título da composición era Franco. A realidade textual compadécese pouco, noutros versos, con este criterio. Repárese, por exemplo, nestes: «Porque el ilota no vive sin un amo, / como sin amo tampoco vive el perro». Son versos difíciles de atribuir a Franco. Inclínome a pensar que o litixioso poema escribiuse contra Lenin (sic), naquelas circunstancias un escudo contra eventuais represalias dos mandos militares. En calquera caso, cal é a proba textual ou documental de que o poema foi unha invectiva contra Franco?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Franco ou Lenin?