Precisamos bo Goberno

Ramón Sarmiento Solla ACOTÍO

OPINIÓN

04 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xenuinamente, os cidadáns arelamos unha Administración transparente, xusta, áxil e eficaz. Unha sociedade de regras, dereitos, deberes e institucións sólidas. Rexenerada a nosa democracia tras un acordo de moción de censura contra a corrupción e superada a interinidade do Goberno central, cómpren respostas políticas a unha situación económica afectada polos cambios da dixitalización, a transición ecolóxica e o avellentamento da nosa poboación.

A economía esixe unha resposta planificada polo conxunto de Administracións e de axentes sociais e económicos no político, no socioeconómico e no cultural.

Se xa de por si os cambios -calquera cambio- xeran instintivamente resistencias, a incerteza á que se somete aos que intentan manterse informados repasando diariamente varios xornais resulta desconcertante. E éo especialmente para as persoas desempregadas e as súas familias, que seguen a ser milleiros. Tamén para os recorrentemente noticiados, como as traballadoras e os traballadores do sector mar/industria, das Pontes, do naval, de Alcoa etc., que diariamente enfrontan inquedanzas fundadas e infundadas, falta de expectativas e incertezas.

O imparable proceso global trae a Galicia vectores de cambio, problemas e oportunidades que cómpre identificar. Parécese en algo a realidade do noso litoral, cunha actividade económica tan relevante, á doutras comunidades? As empresas asentadas no dominio marítimo-terrestre detraen os investimentos para a modernización, mentres, incrédulas, agardan a que a necesaria revisión do regulamento de costas integre equilibradamente -nun único marco xeral- realidades territoriais moi heteroxéneas. Tampouco axudan actitudes como a da Autoridade Portuaria de Vigo, tentando boicotear a posta en marcha de proxectos empresariais nun sector estratéxico como o naval.

Abondan as nosas capacidades produtivas e profesionais para desenvolvermos unha resposta galega en transición enerxética? Non poderemos afrontar un proceso complexo como a descarbonización sen transición, planificación e recursos. Tampouco sen unha regulación axeitada ao sector electrointensivo. E perderemos unha oportunidade industrial se nos limitamos a consumir os bens de equipo e os novos servizos que demanda a loita contra o cambio climático, especialmente no ámbito das tecnoloxías de xeración distribuída de enerxía renovable.

A crecente taxa de persoas dependentes precisa dunha resposta sociosanitaria e residencial: os maiores son fonte de actividade económica, no só de gasto, pero non poderemos contrarrestar o desemprego ou a precariedade laboral se normalizamos que o potencial deste sector para xerar emprego ha ser por forza precario e infrafinanciado.

Os vectores de cambio coñecémolos; os problemas por resolver, tamén. Xerar unha expectativa razoable e realista canto a unha transición económica socialmente xusta é posible. Pero será inviable dende o enfrontamento institucional, se non asumimos que as distintas Administracións e os axentes sociais e económicos debemos manter espazos de cooperación, que temos que implicarnos na ampliación das respectivas capacidades e competencias para atopar localmente alternativas aos cambios, e se non se corrixen numerosos aspectos que burocratizan as nosas Administracións.

Máis ca nunca precisamos boa información, diálogo institucional e social e bo Goberno.

?Non poderemos afrontar un proceso como a descarbonización sen transición, planificación e recursos. Tampouco sen unha regulación axeitada ao sector electrointensivo. E perderemos unha oportunidade industrial se nos limitamos a consumir os bens de equipo e novos servizos que demanda a loita contra o cambio climático