Pobre Montesquieu

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Ballesteros

Poucos nomes son mencionados tan de balde en España como o de Charles-Louise de Secondat de la Brede e de Montesquieu, coñecido como barón de Montesquieu. Cando se considera que un acto do poder executivo ou lexislativo cuestiona ao poder xudicial, adoita presentarse como un ataque á separación de poderes e a Montesquieu, ao seu principio de separación de poderes, enténdese. Á inversa, cando unha acción do poder xudicial cuestiona ao executivo ou ao lexislativo, ninguén se encomenda a el. Esta asimetría xa debera poñernos na pista sobre o uso instrumental do francés. Todo o mundo relaciona a separación de poderes con Montesquieu, pero resulta común referirse a esa relación dunha forma máis ben mítica e sempre ahistórica. En última instancia, profundamente antidemocrática e mesmo antiliberal.

As mecánicas alusións a Montesquieu (1689-1755) para reclamar a estrita e rotunda división de poderes resultan profundamente desafortunadas nunha democracia moderna. De feito, o autor finou moito antes de que o liberalismo se abrira camiño no continente europeo, e cando o parlamentarismo do outro lado da canle da Mancha estaba aínda afirmando a superioridade da lei do parlamento sobre á vontade do rei e dividindo en dous o poder: lexislativo e executivo. Para o xudicial abondaba garantir a inmobilidade dos xuíces para non seren ameazados na interpretación da lei. Ese era o contexto no que o noso autor reclama en Francia a división de poderes para, imitando aos seus veciños, limitar o absolutismo que sufrían os franceses, cada vez máis insoportable na súa arbitrariedade e cada vez máis incompatible co avance da deusa razón.

Non deixa de asombrar o mal uso da súa obra, pois este ilustrado é materia de estudo de todos os escolares do mundo por ser un dos grandes do Século das Luces francés. Nin o integrismo relixioso nin os totalitarismos puideron agochar as achegas deste e doutros construtores da Ilustración, e tampouco o logrou o empeño ultramontano e antiliberal da Igrexa católica, que, até o Concilio Vaticano II, foi, con excepcións, combativamente antimoderna. Non houbo censura educativa de pais, nais, ditadores ou igrexas capaz de impedirlle brillar coa luz propia ao barón de Montesquieu. E non é que non se intentara. Ao longo de varias décadas durante a ditadura, pero tamén moito tempo antes e aínda moito tempo despois, en centros educativos relixiosos dominaba o aleccionamento antiilustrado, polo que os libros e as leccións dirixidas aos estudantes evitaban referirse ás Luces máis que como un tempo de disolventes especulacións filosóficas contrarias ás doutrinas do Novo Estado e a Igrexa verdadeira.

Nas democracias nada pode haber por riba do poder do parlamento, que asume, dende a Revolución francesa, a soberanía do soberano para exercela en nome da nación (sempre reducida) primeiro, e do pobo (todos e todas) despois. A democracia é incompatible coa aristocracia, pero o conflito está servido cando as culturas políticas democráticas son tan febles que entran en crise a cada auto, de fe ou xudicial. No xuízo político que está facendo o Senado, constituído en Tribunal, ao presidente Trump enténdese a lóxica da división de poderes nunha democracia.