Adxectivos

OPINIÓN

CONGRESO

21 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestes días un non deixa de se abraiar coa sobreexcitación de moitos políticos aos que non lles importa perder as formas e usar palabras grosas para axitar as bancadas. Non discuto que hai moita xente coa pel fina, mais tamén é certo que hai que ter valor para esas provocacións públicas, descarnadas, cargadas dunha violencia que noutra época podería parecer unha loucura. O peor deses insultos é a simpleza para os crear e mais a forma en que contaxian os argumentos. Estou convencido de que, por tras de toda esa dinamita verbal, se constrúen certezas que coquetean cos fanatismos. Por iso, a día de hoxe, sospeito que hai moitísima xente que pensa que o «marxista» Pedro Sánchez teimou nas eleccións para procurar unha maioría parlamentaria que lle permitise gobernar á marxe de calquera axuda dos partidos «etarras» e independentistas, e mesmo do «estalinismo bolivariano»de Unidas Podemos. Como as urnas foron máis teimudas ca o presidente, non lle quedou outra que tragar as palabras e chegar a acordos con todos eses «separatistas» que queren romper España en anacos, teses que aproveitan os «fascistas» do PP e de Ciudadanos, así como dos «ultrafascistas» de Vox, para apelaren, sen escrúpulos, á fin da democracia, alcumando o Goberno de «ilexítimo». Este podería ser un resumo tabernario que non se afasta moito do que en días pasados chegou do hemiciclo. A importancia está no desprezo deses adxectivos que cren levar a pólvora dunha metáfora cando o único que conteñen é unha voz alta ateigada de ira. Esa capacidade feroz para insultar nun Parlamento, ademais dunha irresponsabilidade, arrastra unha violencia que, na meirande parte das veces, se fósemos un país serio, debería de se volver contra a mesma persoa que a executa.