Cursos necesarios

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

STOCKBYTE

19 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

De non ser polo tempo frío e chuvioso que converte as mañás en escuras tebras, pensaría que é principios de setembro, ao remate das vacacións, comezo do curso e oferta nos quioscos e librarías das coleccións e cursos máis diversos.

Hai propostas e críticas, claro. Hai quen pide un curso prematrimonial de dous anos, con obxectivos que a moitos fixeron levar as mans á cabeza, convencidos de que non se axustan á realidade social. Predispúñase un debate que se viu apagado polo «pin parental», algo que aínda non teño moi claro o que é, máis alá de que poña en dúbida que os cursos impartidos en centros docentes sexan axeitados moralmente. Temen que a educación pública sexa algo así coma unha seita, vaia.

De novo mudou o debate por mor dunha explosión química en Tarragona. Non houbo protocolo de accidente ningún. Seguramente porque tiñan claro que era innecesario. Os veciños reclamárono a posteriori, seica están afeitos a escoitar as sirenas dos simulacros. Axiña me asaltou unha dúbida. Se en lugar de ocorrer nun polígono industrial, estoupase un camión a dúas rúas da miña vivenda... sabería como facer un confinamento por moito que o anunciaran?

Quizais necesitemos cursos de primeiros auxilios. Nunha cafetaría da miña vila unha mestra salvou a vida dunha persoa que se estaba a atragoar. Saben por que puido facelo? Porque aprendera, pola súa conta, a manobra de Heimlich por se un dos seus alumnos a precisaba un día. Aprendeuna por vontade propia, buscando información. Este é necesario.