«Como decíamos ayer»

Rosa Quintana Carballo ACOTÍO

OPINIÓN

Pepa Losada

18 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A ninguén se lle escapa que veñen de pasar varios meses nos que o Goberno central preferiu deixar aparcadas decisións importantes que, polo ben do sector marítimo-pesqueiro galego, seguramente deberan ter sido tomadas durante esta parada. Sexa como fora, hoxe só me queda apañar as palabras de Frei Luis de León «como decíamos ayer...» para retomar os temas pendentes no eido da pesca. Vaia por diante de todas estas palabras a miña felicitación sincera para o ministro Planas por recuncar á fronte do ministerio. Sei que non escatimará esforzos no seu labor, e ante iso so podo redobrar a miña leal e transparente oferta de traballo en común e diálogo a prol do sector, sabedora, e non me caen os aneis en recoñecelo, da profusa e ampla relación que o ministro ten con Galicia en materia de pesca, atendendo ao seu liderado en España e Europa.

Por iso, ante o seu repetido nomeamento só me queda pedirlle a mesma atención cordial e empática cara a esta conselleira, pedíndolle, en defensa dos nosos barcos, que aproveite, de forma aumentada nesta tirada, a súa experiencia no marco comunitario para apoiar o amplo traballo que Galicia está levando a cabo neste ámbito e en defensa dos seus intereses nas materias que alí se deciden, coma o novo FEMP ou a reforma do regulamento de control. Pero, dentro das nosas fronteiras e no seu ámbito de decisión, tamén quero reiterarlle a necesidade de concretar aquelas solucións postuladas por Galicia para varios problemas cuxa solución quedou freada durante este impasse de Goberno en funcións.

Pero onde de verdade lle solicitamos o seu apoio é con aquelas cuestións que, caendo dentro das competencias doutros ministerios, se viron freadas nestes meses sen acordos. Agora, tras este precipitado acordo, agardamos que a súbita e case sorpresiva convención para «amigarse» non esqueza, pola súa presteza, levalos adiante. Dentro destes casos, especialmente queremos demandarlle ao ministro Planas a súa alianza con nós e co sector marítimo-pesqueiro na defensa dun regulamento da Lei de Costas que teña en conta a necesaria viabilidade e sostibilidade das industrias que se relacionan co mar e que ven como a proposta do anterior Ministerio de Transición Ecológica lles vén a rumbo de colisión. Só agardo, e teño moitas esperanzas postas niso, que o ministro faga valer o seu compromiso cos sectores cuxa xestión e ordenación se lle encomenda, e que removerá aqueles freos doutros departamentos que atrancan a cadea mar-industria e o sector marítimo-pesqueiro. Tamén agardo que o BNG sume os seus esforzos a estas demandas facendo addenda con emenda de engadido ao seu acordo de apoio ao Goberno, sumando algún -mesmo un só- dos temas nos que o sector xoga o seu futuro. Trátase, xa que logo, de agregar esforzos e engrenar (e non gangrenar) competencias para seguir dando vida e futuro ao mar que nos move. Así sexa e obrigada quedo, no nome do sector pesqueiro galego, con quen se sume.