O cambio máis urxente

OPINIÓN

13 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os moitos cambios urxentes que a política deste país agarda, se quere ter a dignidade que debe ter e que moitos pensan que se van producir, está o cambio de linguaxe, un cambio que supón algo tan sinxelo e elemental como é ter educación, maneiras de xente civilizada, algo que tanto se bota de menos no Parlamento. 

Pódese ser moi contundente, mesmo esmagador, sen necesidade de empregar un vocabulario de taberna, porque a forza debe estar tanto nos contidos como nas formas, nas maneiras. É o que expresa moi ben o dito clásico: Suaviter in modo, fortiter in re. As maneiras, os modos, deben ser suaves e o contido, forte. Tantos asesores como teñen os deputados, e o que nos custan, e ninguén lles meteu na cabeza algo tan sinxelo, que forma parte do que se chama boa educación.

Non é admisible que os representantes do pobo recorran a expresións tabernarias, a maneiras que, en xeral, non emprega a xente máis iletrada. Como é posible que esta demostre mellor educación -mellores maneiras- das que empregan os seus representantes, case todos con estudos superiores?

O idioma é a casa do ser, escribiu Heidegger. Só quen pensa ben fala ben. E polo falar coñécese ao ser humano, se é culto oo brután, se é rústico ou é traballado pola cultura. Escoitando aos deputados no Parlamento, algúns temos sentido vergoña da nosa especie. Algúns non están lonxe de regresar á escuridade biolóxica da que proceden.

O estilo é o home, o ser humano. Paréceme, e non penso ir errado, que moi pouca credibilidade poden ter os discursos que temos oído nos pasados días. O estraño é que non se sinta a necesidade de cambiar en redondo esas maneiras. Se o cambio se producise, de certo que moito cambiaría na aburrida e pouco excitante política do país.