Todos a dieta

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

María Pedreda

13 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Xaneiro é o mes dos propósitos. Comezamos as dietas, apuntámonos ao ximnasio. E esquecemos a saúde mental, un tema que me preocupa moito e para o que penso non hai unha conciencia social. 

Estaba pensando en Narón, no médico da vila que os retou como comunidade para coidarse. A receita era relativamente sinxela: comida, o máis saudable posible, en varias doses ao día, e exercicio. Camiñar, usar os parques biosaudables e facer actividades que teñan que ver co movemento do corpo. Entre os que aceptaron o reto teñen que perder unha chea de quilos en varios anos. Aínda lles quedan seis meses e xa case alcanzaron o seu propósito.

Para mellorar, a xente asociouse desde tempos inmemoriais. Aínda hai pouco que as patacas ou o millo se collían conxuntamente na aldea. Primeiro uns, logo outros. Pois isto é o mesmo.

Encántame a iniciativa de Narón, parabéns ao seu médico, Carlos Piñeiro.

Que lles parece se a copiamos? E a estendemos. Non se fixen só no corpo, tamén na mente e na alma. Estaría ben aprender a escoitármonos. Ler é unha aprendizaxe non só para a lectura, tamén para os oídos. Non nos queda outra ca respectar o que nos di o texto, porque non podemos responderlle. Fagamos o mesmo cos que pensan diferente a nós. Deixemos de berrarlles, argumentémoslles. Leamos tamén prensa de distinta ideoloxía. Sexamos críticos e educados. Teñamos criterio, non só opinión.

E coidemos da nosa mente e a dos demais. As enfermidades invisibles son moi perigosas. Difíciles de detectar e de curar. Comecemos polo respecto.