Galicia lidera a viaxe á educación infantil universal

Fabiola García Martínez
fabiola garcía martínez FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Maria Pedreda

12 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A sucesión de campañas electorais, coa súa colección de promesas e de titulares rechamantes, non debe facernos esquecer que o obxectivo final da política, aínda que soe utópico ou inxenuo, é construír unha sociedade mellor. O piar fundamental no que se sostén esa edificación é o sistema educativo. Por iso unha das mellores noticias do 2019 foron os excelentes resultados dos escolares galegos no informe PISA, a máis prestixiosa radiografía da calidade no ensino. Unha boa razón da solidez coa que se está construíndo o porvir de Galicia haina que buscar onde sempre están as claves das mellores estruturas: nos cimentos.

 Moitas nenas e nenos de 0 a 3 anos, cada vez máis, comezan a súa andaina educativa nas escolas infantís. Alí, entre xogos e da man dunhas profesionais excelentes (a inmensa maioría son mulleres), aprenden a relacionarse cos demais, desenvolven as súas primeiras habilidades e se adaptan ao mundo que os rodea e no que deberán dar os seus seguintes pasos. Os expertos concordan en que esta primeira educación, a que recibimos mentres aprendemos a camiñar e a falar, é crucial para o noso desenvolvemento.

Por iso, ademais de ser un apoio moi importante para conciliar a vida familiar e a laboral, a educación infantil é unha ferramenta imprescindible para avanzar cara á igualdade de oportunidades. Na escola non importa a familia da que veñas: alí todas as pequenas e pequenos reciben unha atención especializada e adaptada aos diferentes ritmos de cadaquén.

Grazas á forte aposta que fixo Galicia para estender a rede de escolas, mesmo en tempos de recesión económica, hai moitos anos que a educación infantil deixou de ser un luxo ao alcance de moi poucos fogares. Nesta década duplicouse o número de prazas públicas nas escolas e abriron as primeiras 75 casas niño, servizos totalmente gratuítos nos concellos máis pequenos da nosa comunidade. A oferta pública compleméntase co bono Concilia, co que o Goberno galego axuda economicamente ás familias a acceder á escola infantil da súa elección.

Neste 2020 damos un paso máis. A partir do vindeiro 1 de abril, as escolas infantís de Galicia serán gratuítas para todas as familias para o seu segundo fillo e sucesivos. Tanto nas escolas públicas autonómicas como nas concertadas e nas privadas e de iniciativa social que desexen sumarse, a Xunta pagará todas as mensualidades que ata agora aboaban as familias.

Con esta gratuidade, Galicia convértese nunha referencia a nivel nacional. Mentres as familias doutros lugares de España escoitan moitas declaracións sobre a importancia da educación infantil sen que se traduzan en nada concreto, a partir de abril as familias galegas poderán escolarizar aos seus segundos fillos -e os que veñan despois- sen pagar nin un só euro. Os primoxénitos, como ata agora, seguirán accedendo ás prazas públicas en función dos ingresos de cada fogar, para que ningún neno quede sen ir á escola infantil por motivos económicos.

Unha sociedade mellor non se constrúe só con palabras ou con xestos de cara á galería. Constrúese con feitos. Día a día, nas escolas infantís comezan a formarse as mulleres e homes que darán forma ao futuro de Galicia. O compromiso da Xunta é garantir que todos teñan as mesmas oportunidades para chegar a ser o que elas e eles queiran cando sexan grandes. Galicia é moito, as nenas e nenos sono todo. O futuro é seu.