O significado das formas

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

12 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Preguntei aos veciños da aldea sobre o debate político que concluíu o pasado martes coa investidura de Pedro Sánchez, candidato socialista, como novo presidente do Goberno. Preguntei aos meus veciños porque son xente do común, xente do rural, mais cos fillos estudando nos institutos ou na universidade, moitos deles aínda traballando no campo, outros nos servizos da periferia urbana, ou xubilados; xente con intereses propios en calquera caso, con opinión e criterio, que emite o seu voto e mesmo acude disciplinadamente (democraticamente) ás convocatorias electorais. Non descubro nada novo se digo que están bastante cansos, algúns deles certamente desinteresados, logo de oír as mesmas lerias batendo nos mesmos ferros. Mais o que peor levan son os insultos, a linguaxe brava, desmedida, en moitos casos escandalosamente fera, «impropia de xente que se considera con estudos», comentan. «Porque, despois de todo canto se dixeron, que van facer?».

 Abofé que non é unha cousa menor, e tampouco é a primeira vez que abordamos a cuestión nestas mareas. Non se trata de ser inxenuos. Pero se aceptamos o Parlamento como o espazo (a institución) para parlamentar, ou sexa, para falar ou conversar sobre calquera asunto, que é a segunda acepción que dá o dicionario da RAG, non digamos a primeira, «entrar en negociacións para pactar algo», concordaremos que o camiño que levamos (dende hai tempo) non é o máis axeitado. Alguén vai ter que revisar radicalmente tácticas e procedementos. Volvo aos comentarios dos meus veciños: «¿Como me vou sentar con ese despois de canto me dixo?». É a vella teoría de dinamitar as pontes.

O insulto vén ser a negación de calquera razón posible. O insulto, que etimoloxicamente procede do latín insultare: asaltar, bater enriba de alguén fisicamente ou de palabra, descualifica as razóns e a quen insulta. Na Idade Media galega castigaban moi duramente aos que «lixaban o rostro», aqueles que ofendían as persoas de palabra en público. A día de hoxe, se xulgamos pola experiencia dos nosos señores parlamentarios, dalgúns deles polo menos, o insulto, a descualificación gratuíta, mesmo a aldraxe ou difamación afincada na mentira e no que é aínda peor, nesas verdades a medias que ninguén pode demostrar, ou que cando se demostran xa a ninguén interesan, son práctica común na nosa vida política. Alguén dirá: non só entre nós. Conforme. Mais non serve de consolo. O estilo é o que define ás persoas, dicía o clásico. O estilo tamén é ideoloxía, e as formas son fundamentais para a convivencia. Sen formas, que ás veces son unha convención, mais que nacen da educación e da cultura, dificilmente podemos ir a ningures. Isto sábeno ben os paisanos, os meus veciños, que viven na aldea, mais teñen a sabedoría dos devanceiros, que nos ensinaban estas cousas.