Personaxes memorables

OPINIÓN

07 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un meu amigo di que xa non existen os seres memorables, no sentido de seren lembrados por algunha característica concreta ou polo alcance dos seus desatinos. Seica hoxe todos estamos cortados polo mesmo patrón. Talvez teña razón, aínda que sospeito que esa percepción se agacha detrás dun problema de saúde. Por exemplo, cada vez que hai un tiroteo nos Estados Unidos, o presidente Trump adoita buscar a escusa nas enfermidades mentais coma unha escapatoria para defender as armas ou negarse a controlalas, algo que, para o caso, é o mesmo. Un tolo parece solucionar o problema. Se o asasino é esquizofrénico, mellor. A arma nunca ten a culpa. O malo é que, nesa obsesión armada, a realidade da loucura tamén se puxo en primeiro plano porque a cada volta son máis os que critican a Trump, non só por fomentar certa clase de supremacismo, senón por desmantelar a sanidade e deixar desasistidos a enfermos mentais que están detrás dese escaso 5 % dos delitos cometidos con arma. Un non deixa de pensar no noso pasado, na galería de personaxes que poboaban as nosas vilas, cando a loucura atopaba, con incrible facilidade, o diagnóstico nos nervios. Era evidente o desamparo terrible deses seres memorables deixados da man de Deus e dun sistema de saúde que lles puidese garantir un tratamento axeitado. Recoñezo que, pensando egoistamente como escritor, a medicación trouxo un grande avance para a humanidade, pero foi malo para a literatura porque agora eses seres tan exóticos hai que os buscar máis na imaxinación que na propia realidade. Algo que non pasa na política americana porque quen podía sospeitar que a realidade superaría calquera ficción ao nos achegar un personaxe tan memorable para presidir a Casa Branca?