Esta vez, queridos Reis, non vos escribo como tantas outras. Hoxe só quero vociferar contra o desalento. Un grito. O da pintura de Munch invadindo esta columna que, talvez, sexa unha carta con amor desesperada. Non me gusta o mundo en que vivo: ordinario, frívolo, cínico. A literatura, aínda que non o pareza, é un modo de mudar as cousas: os interiores do ser humano. Sei que cada novela ou poema son inútiles. E tan útiles, pese a tanto. Existe unha dimensión social na literatura. Esa dimensión, tan esquecida, debe acender debates de altura intelectual e non vulgaridades. Porque é ela, a altura, quen nos distingue. Tamén a rebeldía, a pugna contra a corrección política, a disidencia do contubernio. Debemos reclamar altura: un ceo de luz e luces nesta terra. Vén agora á columna unha liña de Augusto Monterroso, a quen lle chegou a gloria demasiado tarde, como a cotío sucede. Tito Monterroso olvidado dos manuais e das actualidades, afastado do ruído do éxito e os seus apoloxetas, varado na tormenta da lucidez e da palabra precisa. Maestro. O escribidor dalgunha das brevidades máis fermosas da historia da literatura universal. Verbigracia: «Hoy me siento bien, un Balzac; estoy terminando esta línea» (Movimiento perpetuo). Cecais estoutra: «Lo único malo de irse al cielo es que allí el cielo no se ve» (La oveja negra y demás fábulas). Repito: é preciso reclamar o ceo en medio da terra. De contado.
Habitar no perpetuo desexo, a viaxe a Ítaca que con afán utópico poetizou Kavafis e que con talante épico, fulcral, edificou o turbulento Homero. Pido desexo. Pido ganas, queridos Reis. Que non venzan a melancolía nin o desencanto. Grito futuro. Esperanza. Gritamos.