Competir

OPINIÓN

No disponible

28 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Competir converteuse en algo habitual mesmo na educación. Seica agora no norte somos máis aplicados en Ciencias e Matemáticas que os do resto da península. Que marabilla, dirán algúns. Mais se ampliamos o mapa a toda Europa nós xa pasamos a ser sur e, polo tanto, máis descoidados, e entón, dirán outros: «Ai, quen nos dese os datos de Finlandia». Non se conforma quen non quere. O malo é que para iso habería que importar as condicións e investir moito máis en educación, cun profesorado especialista na materia e non como aquí que ten que dar materias afíns para as que non está preparado.

 Deberiamos importar tamén o frío, a pouca luz, o nivel económico das familias, a pouca inmigración e ratios dunha ducia de alumnado por clase. Así a clasificación melloraría, sen dúbida. De calquera xeito, non gusto desa competencia nin entre alumnado nin entre países. É evidente que o baixo nivel económico das familias adoita condenar os resultados dos fillos, sobre todo, se vai acompañado dun menor investimento público en educación. Tal como apunta o último informe PISA, en igualdade de condicións, os estudantes dos colexios públicos renden o mesmo, talvez un chisco máis, que os compañeiros dos privados.

E esta conclusión debería facernos entender que a clave da igualdade está aí, en achegarlle ao alumnado as mesmas posibilidades dunha educación pública de calidade. As escollas de moitos centros privados, mesmo algún público, desbotando aqueles que non acadan determinado nivel académico, económico ou social, levan á confusión, e cando se gaban de resultados non se decatan de que polo camiño deixan vítimas que non teñen as mesmas oportunidades, pero que nelas está o éxito global dun sistema que non educa para competir senón para ser mellores.