O outro Nadal

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CAPOTILLO

Tituleino O outro Nadal sabendo que o tempo das festas é o mesmo para todos, pero pode construírse con olladas diferentes. Nadal debera ser a ilusión na cara dos nenos, a ledicia que nos contaxian, a capacidade de sorprenderse co máis sinxelo. Nin sequera isto é un dogma. Hai quen asegura que o que manda no corpo é o cerebro, outros o corazón... pero non deberiamos esquecernos do estómago. A barriga baldeira ou chea pode mudar por completo a percepción do mundo.

 

En España hai 2,5 millóns de persoas eu sofren pobreza severa, máis do 5% da poboación. Falamos de pobreza e exclusión severas, porque pobres hai moitos máis. Moitísimas familias fan números cada mes para poder enfrontarse a todos os gastos mínimos para sobrevivir. Moitas delas teñen complicacións para conseguilo, e hai tamén quen non o consegue. Moitos máis dos que pensan. É duro pasar estas datas en soidade, como o é non ter con que quecer o corpo, sen comida e teito. Nenos, adolescentes, adultos e anciáns que viven na rúa, ao desamparo total.

Datos oficiais aseguran que hai doce millóns de persoas no abismo. O Nadal ten moitas luces, pero debera facernos reflexionar tamén sobre as sombras (tebras) que asolagan a nosa sociedade. Alén do individualismo, do consumismo, de egoísmo total e absoluto, hai vida, hai vidas. Vidas pobres tremelicando de frío, fame e medo. Vidas que se cambalean e xogan perigosamente coa morte. Pero vidas. Das que deberiamos coidar, para as que deberiamos mirar.

Son o outro lado do Nadal.