As campás do Nadal

OPINIÓN

26 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

ONadal non é unha festa para todos. Hai xente que non quere nin oír falar del e agarda que pase o máis axiña posible. Eu, aínda que gusto destas datas, sempre o asocio á morte e ao paso do tempo porque nestes días que volvemos á casa adoitamos botar de menos os que xa non están. Talvez é esta falta a que convoca en nós unha saudade que se multiplica con certas rutinas do pasado e con eses programas de televisión que, nunha especie de déjà vu, fomentan a idea de que o tempo só é unha construción da nosa mente. Mais non. O tempo pasa dun xeito inexorable e non parece deixar respiro, nin tan sequera no Nadal. Na miña vila de nacenza, por exemplo, son as campás da igrexa vella as que se encargan de pautar o tempo. No seu son de cobre son moitos os veciños e familiares que caeron, mesmo en datas coma estas, que non son boas para morrer. No almanaque das campás non hai festivos; todos son días soltos, aptos para seguiren devorando xeracións. De calquera xeito, tampouco hai que obsesionarse e convén abstraerse da música deste metrónomo que come os días e nos fai ser conscientes da nosa existencia fuxidía. O mellor é concentrarse na vida e gozala, compartir coa familia e os amigos o tempo que queda, sexa moito ou pouco, algo que, por sorte, non podemos saber. Ou si, como o caso dun meu amigo que teima na idea de ser o meu biógrafo cando eu morra. O curioso desa vontade é que este amigo, de quen non dubido da súa capacidade intelectual para ordenar a miña vida, lévame media ducia de anos, polo que é doado deducir que el ten a clara intención de me sobrevivir. Non quero tirarlle esa ilusión, pero, como é de supor, procurarei atrasar a encomenda deste traballo o máximo posible para que as campás da miña vila non toquen por min.