Con Carlomagno en Aquisgrán

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

22 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aproveitando a fin de semana, catro amigos viaxamos á cidade de Aquisgrán (Aechen, en alemán, Aix-La-Chapelle, segundo a denominación napoleónica) para visitar a tumba de Carlomagno, rei dos francos e dos longobardos, primeiro emperador do Sacro Imperio Romano. Había tempo que quería visitar o que consideramos un dos grandes símbolos da idea de Europa. Falar dunha idea de Europa no século IX é unha anacronía, ben o sei, o que pretendía Carlomagno era recuperar se acaso a idea do Imperio Romano, esmorecido daquela, mais por extensión podemos falar dunha vontade de artellar politicamente o discurso europeo da civilización e a cultura. Non é casual que polas mesmas datas, contra o ano 813 segundo a tradición, o eremita Paio descubra os restos do apóstolo Santiago no monte Libredón, no que hoxe é Compostela. 

Perto da capela Palatina, a gran construción carolinxea, está a igrexa de Saint Jacques, o que os alemáns do norte consideran unha das primeiras portas do Camiño Xacobeo. A igrexa de Carlomagno, dedicada a Santa María, considerada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, é un edificio de planta octogonal magnificamente decorado, con fortes influencias da arte bizantina: o mais alto no mundo coñecido na súa época, arredor de 32 metros. A altura era importante como simboloxía ascendente, camiño que conducía os seres humanos á presenza de Deus (o Altísimo). Nada carecía de sentido no discurso arquitectónico daquel tempo. O octógono da planta é a combinación perfecta entre o cadrado e a circunferencia. A circunferencia representa o ceo e o cadrado, os catro puntos cardinais da terra, unidos no octógono.

Mais o que verdadeiramente me impresionou foi a cadeira de Carlomagno, instalada no primeiro andar da capela, mirando cara ao altar maior. Un meu amigo comentaba, seica un algo decepcionado, que era demasiado sinxela, impropia da magnificencia que agardamos dun emperador. Certamente é moi austera. Catro laxes de mármore sen adobío ningún, con grampas de bronce e asento de madeira, e seis banzos para ascender a ela. Pero niso reside a súa grandeza. Canto máis simple, canto máis limpa, canto máis austera, máis visible semella a presenza do seu propietario. Trinta soberanos recibiron a coroa neste lugar entre os anos 936 e 1531.

Dúas ideas estiveron presentes na miña cabeza durante todo o tempo: a memoria de Compostela, a forza do Camiño Xacobeo, tan profundamente relacionado coa figura do monarca e coa cultura dos francos (a orde relixiosa de Cluny sobre todo), e cos mitos carolinxios que andan na nosa literatura e nas nosas tradicións populares: a figura do príncipe Roldán namorando rapazas polas rías, por exemplo, que de ai vén o apelido Padín (o Palatino). E a idea de Europa, hoxe tan axitada, tan confusa e desacougada. Quixen preguntarlle por isto. Pero non me respondeu.