Solidariedade

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

20 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegan estas datas nas que, sen querer, unha comeza a reflexionar sobre as cousas que fixo ou deixou de facer este ano, sobre as cousas que podería ter feito mellor, sobre o tempo que pasou facendo o que non quería facer, sobre o tempo que deixou de estar cos seus...

Semella que cos anos as cousas non se fan máis doadas. E non é unha cuestión de facer balance, senón de parar a escoitarse a unha mesma, en silencio, para así poder pensar e comprender como mellorar o camiño vital que decidimos emprender. Pero a escoita, a nós mesmos, aos outros ou á nosa contorna, é unha tarefa difícil que require práctica, tempo e vontade. Escoitar implica estar alerta para así tentar entender o que temos ao redor. Saber escoitar é un acto de valentía, unha acción radical de vida que, unha vez que comeza, non ten volta atrás. O caso é querer.

Hoxe é o Día Internacional da Solidariedade Humana. Segundo a ONU «a solidariedade é un dos valores fundamentais e universais no que deberían basearse as relacións entre os pobos do século XXI», e celebrando este Día Internacional pretenden «celebrar a nosa unidade na diversidade» e «sensibilizar ao público sobre a importancia da solidariedade».

Pero, que é a solidariedade? E como se practica? A Real Academia Galega defínea como «a axuda que, por un sentimento de obriga moral, se lle presta a quen o necesita». Quizais, saber escoitar é tamén un acto de solidariedade. Ser capaces de aceptar ao outro, de entender a súa realidade (e a túa con respecto á súa), para logo actuar (ou non), e tentar cambiar o mundo ofrecendo o noso ombro a aquel que está só, ou simplemente aceptando que, en realidade, somos uns privilexiados.