Panxoliñas revolucionarias de onte

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

20 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Panxoliña, para algúns lexicógrafos galegos, é o canto de Noiteboa, tamén chamado nadal. O nadal ou panxoliña foi un subxénero literario moi cultivado en Galicia nos primeiros anos da posguerra mundial por Ben-Cho-Shey, Aquilino Iglesia Alvariño, Fermín Bouza Brey, Manuel María... Nunha época de escasísima literatura pública en lingua galega, os militantes da causa do idioma galego, á cabeza o gran Ben-Cho-Shey, aproveitaban a literatura de destino privado (nadal, convites de primeira comuñón...) para faceren ver ao seu círculo de amigos e parentes que o idioma galego existía, estaba aí.

Algún escritor non tardou, como autor de panxoliñas, en exercer unha dobre militancia: en favor da lingua galega e en favor da poesía social, tan vixiada polos funcionarios franquistas nas súas manifestacións públicas. Foi Celso Emilio Ferreiro quen, arredor da figura do neno Xesús, teceu os versos máis reivindicativos do seu tempo neste xénero. Titúlase o primeiro nadal que coñezo, de 1955, Belén, e foi escrito en castelán pero iniciado e finalizado en galego. Este é o celsoemiliano epílogo: «Chove, chove / na casa do probe, / que na do rico non pode». Na primeira estrofa, caracteriza ao neno con estes tres versos tan lonxe das panxoliñas habituais: «Junté los vientos fríos y las nieves, / junté las madrugadas y las lluvias, / y obtuve al Niño-Dios en un pesebre».

Trece anos despois, en 1968, reescribiu o poema en galego co título Belén, ano cero, versión na que os tres primeiros versos ofrecen unha maior crueza: «Xuntei o vento frío coa auga-neve, / xuntei a noite negra coa xiada, / e vin un neno espido nun pesebre».