VIP

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

19 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aidiotez ocupa o trono do presente. Nunca a sociedade, a máis próspera da historia, alcanzou un nivel tan preocupante de necidade e ordinariez. Non o parece. Porén, estamos a construír un mundo de espantos. De mala educación en directo. Vulgar. Falamos de respecto e resulta que o respecto está desaparecido no reino que nos domina: a pantalla. Hoxe remata (¡la gran final!) un programa televisivo que representa de modo fidedigno o que acabo de expoñer. E cústame gastar unha columna da contraportada, país de marabillas, para falar desta ulceración. Resulta que non os soporto. Que esta tempada, curioso impertinente, contemplei varios capítulos dese espazo que quere homenaxear a Orwell e a súa totalitaria distopía. O gran irmán que todo o ve: capaz de crear un ministerio da verdade ou, tamén, uns novos códigos de comunicación. O programa do que falo conseguiu cotas de pantalla superiores ao 30 %, algo impensable nestes tempos de numerosas canles e plataformas. O éxito do GH radica na carencia absoluta de escrúpulos ou conciencia. Se a iso unimos que a produción televisiva resulta sobresaliente, concluímos que se elabora un obxecto idóneo para acadar cotas inalcanzables para outros espazos. O show que nos ocupa leva o apelido ‘VIP’. Very important person. Persoa moi importante. E aquí xa sinto vulnerados todos os códigos da ética, da pedagoxía, dos valores que intentamos que prevalezan neste país ineficiente e kafkiano. Recuso este programa. Recuso a quen o organiza e emite. Recuso esta imaxe irreal do que somos. Porque ningún país, por caduco que sexa, pode ser tan necio para contemplar masivamente esta horrenda inmundicia. A idiotez ocupa o trono do presente.