Falando galego en Nova York

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCION DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

15 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando hai uns días lle contei ao alumnado da Universidade de Nova York que por aquí hai catro idiomas oficiais, e que o galego ten unha tradición lírica de hai máis de mil anos, abriron a boca apampados. Para eles o idioma de España é o español, e punto, así que se sorprenderon para ben, e abraiáronse felices de saber que neste curruncho de Europa había tal pluralidade lingüística. Ao remate da miña conferencia moitos viñeron falar comigo, curiosos. Querían saber máis. E unha muller, que suxeitaba nunha man un vaso de viño e na outra un anaco de queixo, preguntoume sobre o número de falantes do galego. E eu dei os datos e expliquei que cada ano perdemos falantes, que xa estamos por debaixo do 50 %, que os mapas sociolingüísticos demostraban ano a ano como camiñamos (malia as mentiras de certos grupos políticos que falan da persecución -manda truco- do castelán en Galicia) cara a unha Galicia monolingüe en castelán. A señora tapou a boca coa man na que tiña o queixo, nun xesto de espanto. Non entendía nada. Non entendía como algo así podía acontecer.

O anaco de queixo rodou polo chan.

Como roda polo chan a miña lingua tantas veces.

España é o único país do mundo (créanme, viaxo moito, non falo por falar) onde moitas persoas consideran a riqueza lingüística un problema. España é ese país do mundo onde moita xente, incluídos moitos galegos, consideran que hai algo de agresivo, de político, de radical, de provocación, no feito de que un catalán fale catalán, un vasco fale éuscaro e un galego fale galego. Pregúntanse por que o fas. Como se a un inglés houbese que preguntarlle por que fala en inglés.