Violencia hai máis ca unha

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

09 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A contradición é entrañábel: o Sergas pecha o paritorio de Verín canda os fastos do Día contra a Violencia Machista. Así son os executivos perfectos de Feijoo, onde uns responsabeis non saben o que fan os outros porque, tan técnicos son, que son incuestionabeis. A Secretaría Xeral de Igualdade, en plena resaca do 25N, estará remoendo aínda o discurso dun cargo medio de Sanidade (moito máis medio ca ninguén, por certo) que, no seu argumentario, basicamente, culpaba ás mulleres verinenses: xa lles vale, vivir tan lonxe, ser tan contadas e ter tan poucos fillos nun sitio tan ben comunicado. En Igualdade, dicía, debera haber contrariedade porque non cansan de sumarse ás campañas sobre a maternidade digna que xorden na mesma sociedade á que agora o Sergas lle casca: co bombo a 70 quilómetros, e nada de epidurais! Pero resulta que o Sergas tamén recomenda non ir parir ao cabo do mundo. Pasa moito cando unha quere un parto na auga no Salnés, por exemplo, e vive en Santiago, e lle esgrimen os motivos médicos para a zonificación sanitaria coma se fose palabra de Deus. En fin, que con tanto criterio e tanto técnico, a loita contra a despoboación no rural vaina ter que facer Feijoo casa por casa asistindo partos. O máis entrañábel de todo é que veñen aí unhas eleccións, e algo tan sensíbel coma o mimo polas nais (tan desta dereita moralista) non importa nada. Celebran o 25 de novembro, pero hai unha forma de violencia contra as mulleres que exerce o propio goberno, mangoneándonos, enchendo de inseguridade a nosa saúde, e arriscando as nosas vidas que, claramente, só importan o día que votamos. Pois xa saben, señoras.