Sobre o cambio climático

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

08 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres estampas. Primeira: non lonxe da miña casa, os contedores advirten da necesidade de escolmar o lixo. Material orgánico: comida, follas secas, restos de poda… Material inerte: plásticos, envases de leite, aceite e iogures, latas de conserva… 

Un pouco máis alá: envases de vidro, cartón e papeis. Os responsables das plantas de reciclaxe din que non dan feito.

Nesta cuestión, igual ca noutras, necesitamos traballar na pedagoxía social e precisamos máis firmeza no cumprimento das normas cívicas. Cada quen bota os restos onde lle parece ou onde lle peta.

Non sei se é exactamente así, pero é o que eu vexo arredor e o que din técnicos. Falta sensibilidade e compromiso cidadán. Igual que noutros hábitos de consumo.

Segunda estampa: unha mociña de 16 anos transformada no gran símbolo do problema e todos pendentes das súas opinións, que os medios (e o gran público) parece que consideran consignas estratéxicas. Menos mal que a mociña, con bastante sentidiño, advirte que ela non é unha técnica, que as solución técnicas e as propostas estratéxicas (políticas) teñen que vir doutros ámbitos, que ela non é máis ca unha voz que denuncia a situación. Lectura positiva: a mocidade mobilizada arredor dunha causa común, que é tamén causa de urxencia. Vainos a vida a todos, pero aínda máis a eles, que veñen detrás. De aquí pode saír unha nova visión da política, máis universal, máis xenerosa e aberta.

Terceira estampa: os representantes dos gobernos do mundo reunidos para falar, pero sen conclusións realmente comprometidas.

No mellor dos casos, enredados na retórica. E os medios de comunicación de masas, que aínda son os que constrúen a opinión pública (xunto coas redes sociais), máis pendentes das palabras dun actor que do seguimento a fondo dos intereses que nos estamos xogando. É o que os sociólogos da comunicación denominaron nos anos 60 o fetichismo das celebritis. Na vertixe da confusión (e no desprestixio social dos liderados) mandan as voces do pop: artistas, deportistas famosos, figuras da televisión, agora tamén os youtubeiros

E mais unha cuarta estampa, que ten que ver coa anterior: os intereses que dominan a economía, a gran industria, as transnacionais, o egoísmo do capital, que non está disposto a reducir beneficios...

Hai tempo que a tecnoloxía ten respostas para controlar ou mesmo acurtar radicalmente as emisións de carbono, alternativas posibles para o consumo de combustibles fósiles.

Mais precisamos de investimentos para avanzar, e renunciar ou ir modificando con decisión modelos de crecemento (a industria do transporte de mercadorías e viaxeiros, por exemplo, os consumos urbanos) que condicionan calquera opción de futuro.

Introduzan vostedes na baralla cartas dos catro paus e entenderán as dificultades da partida. E a importancia da política para establecer novas regras.