Das rectitudes de Luís Seoane

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

06 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Dos catro escritores galegos que foron durmir fóra en 1979, hai corenta anos, o primeiro foi Luís Seoane. Deixounos o 5 de abril, aínda sen cumprir os 69 anos. Deixábanos un herdo intelectual inmenso.

En 1994 eu publiquei un libro sobre el, sobre o escritor (tan polifacético), non sobre o artista plástico, a súa dimensión, onte coma hoxe, máis coñecida. Escribino, un pouco á présa, para estar presente no Día das Letras Galegas. Fíxeno ex abundantia cordis co título As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane, título que, na súa primeira parte —As palabras no exilio— non procedía da miña minerva e, si, da de Víctor F. Freixanes, o director da editorial (Xerais). Tal libro reeditouse, cun capítulo novo, no ano 2001 na Biblioteca Galega 120 de La Voz de Galicia.

Do Luís Seoane escritor cómpre salientar a súa obra de ensaísta, de poeta, de dramaturgo e de narrador. Coa súa obra persoal e co seu labor de editor (de libros e de revistas), ninguén fixo tanto na diáspora pola causa progresista galega, polas nobres palabras do exilio. Galicia, para este desterrado, sempre foi un topónimo morno, aberto, luminoso e iluminado, pois Seoane, o gran Seoane, pertencía á estirpe dos mellores humanistas daquel tempo e daquel exilio arxentino: Rafael Dieste, Carmen Muñoz Manzano, Xosé Otero Espasandín, Antonio Baltar...

Tivo Seoane a perspicacia de conectar desde o exilio exterior cun grande do exilio interior (Isaac Díaz Pardo) para a causa do que hoxe chamamos memoria histórica. Froito desta relación foi o volume clandestino de 1966 Galicia hoy (París-Bos Aires). Como editores, amparáronse nestes pseudónimos: Maximino Brocos e Santiago Fernández.

Eu só desexo que os fados da existencia me outorguen un tempo non moi breve para volver á obra xigante, rica e plural deste intelectual exemplar e deste cidadán modélico. Agora estou máis documentado e a miña conciencia cívica máis agradecida.