Diglosia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

IES Maria Casares

29 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Estaba a buscar un artigo que me axudase a falar da nosa diglosia desde un punto de vista global. Quería falar de clase, lingua e supervivencia, e describir esa situación tan normalizada para nós dun xeito que fora comprensible para os que non naceron aquí, e para os que, coma min, non son lingüistas. Explicar todos eses factores invisibles que fan que falemos máis ou menos unha lingua e deixar de lado os factores visibles. Pois a teoría que quería amosar era sobre a idea de que unha pode loitar en contra do que ve, pero non pode loitar en contra do que non se ve, do que non se fala, do que en realidade non existe.

Sen dúbida hai paralelismos con outras linguas e outras nacións, pois o noso é unha cuestión de perda de memoria histórica, e é un problema complexo a medio camiño entre o político e o social. Pero hai algo especial no xeito que temos de ser nós que non acaba de encaixar.

Na miña casa nunca se falou moito de clase, pero era tan evidente a súa pegada no noso xeito de vivir, que nunca me parara a pensar que realmente formabamos parte dunha maioría que se empeñaba en esconder a súa orixe. Era a lingua unha cuestión de clase? Para a Maruxa, a da Bola, probablemente si, sen decatarse, pero si.

Non sei se xa hai unha antoloxía que nos axude a entender estas cousas sen que nos sintamos culpables (nós e os nosos devanceiros), ao estilo da de Paula S. Rothenberg, «Race, Class and Gender in the United States». Que nos axude a aprender que moitos dos problemas da sostibilidade da nosa lingua son problemas de base, históricos, e que a pesar dos movementos políticos, somos nós os que temos que usar as cousas para que non se perdan. Para que sigan vivas.