Nonito

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

.

28 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Sinatra cantaba My Way a mirada limpa de Nonito Pereira abaneábase entre astros e con ollos de gato, rabudo e libertario, soñaba un escenario de flores hippies e ambrosías. Era un imprescindible, e, como lles sucede á maioría dos imprescindibles, marchou sen facer ruído. Non colgaron do seu peito medallas nin honores. Porén, estou seguro, poucos merecerían máis ca el os recoñecementos de Galicia. Nonito era cultura. Un sabio entre vinilos, ideas, libros incorrectos. Foi quen de facer bailar a media Coruña con ritmo moderno, democrático e rebelde, cando en España todo era gris e todo escuro. Un canto a Galicia, hey, era máis del que de Julio Iglesias. Escribía de música e ninguén sabía máis de pops, e rocks, e Riazores. Aquí, en Monterrei, tiña o seu retiro. Comigo falaba do privilexio de vivir na Toscana galega. Fumaba, acariñaba un vaso de melancolía e miraba profundo e sincero. Os tipos coma Nonito Pereira son máis importantes para un país que os alicatados, e «sempretristes», próceres da cultura de aquí: ensimesmada. No Playa Club fundou unha estirpe da felicidade. Despois, esquecérono. Esqueceron ao mestre, que escribía con acento de luces e falaba con voz barítona de vividor. Por iso amaba My Way. Porque todo o fixo libremente, cabeza alta, sen preitesías nin presebes. A última vez que o vin, na fin do verán, agardaba pola súa muller. Saían do supermercado. Ela fora buscar o coche. El esperaba. Eu quixen pensar que agardaba por Godot: ese personaxe invisible e ignoto. Talvez agardaba este outono de chuvia. Ata ela repite hoxe o teu nome. Foise un dos galegos grandes, xeniais, humano. Van, entre letras, mil abrazos. Yes, it was my way, Nonito.