Nos lindeiros da saturación

Álvaro Xosé López Mira FIRMA INVITADA

OPINIÓN

13 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Sería posible dicilo de forma moito máis ruda que no título. Como é posible que as actuais elites políticas españolas, novas e -seguindo o discutible tópico- ben formadas, desprezando o feito de que son vistas como un grande problema pola súa propia cidadanía (unha constante nas últimas enquisas do CIS), conseguiran que a «festa da democracia» se transformase nun sobreesforzo que centos de milleiros de electores (uns seis puntos menos de participación, a falta do voto CERA) decidiron non afrontar? Son verdadeiramente conscientes de que ese punto de vista da cidadanía pode seguir avanzando ata poñer en perigo o propio modelo democrático que eles representan? Xa antes do 10N a percepción era de inanidade, banalidade, futilidade e ata frivolidade, e os resultados, simplemente, confirmárono. Saturación electoral.

Como pode unha egolatría sen límites, elemento común desas mesmas elites, cegar aos seus líderes ata o extremo de rachar as costuras do sistema político español e converter a súa Constitución nun farrapo vello e inservible que, porén, non están dispostos a reformar para adaptar á realidade social deste século? Será certo que os deuses, os egos dos hiperlíderes neste caso, cegan aos que queren perder? Cómpre preguntarse se algún deles terá unha mínima vocación de servizo público e a dignidade persoal de comprender que o soberano que ispe ao emperador é outro. Pregúntenlle a Rivera. Saturación de liderado.

A ese liderado fíase toda a sorte do partido, de tal xeito que estes non existen como organizacións democráticas, xa que a discrepancia interna está prohibida de facto, polo que a topetada é máis profunda e traumática cando o caudillo fracasa. De calquera modo, tamén hai que salientar que o electorado español, tradicionalmente, castigaba a discrepancia interna e apostaba por modelos de partido monolíticos e xerarquizados que fomentaban ese hiperliderado. Acaso a actual fragmentación parlamentaria é produto dun cambio de actitude neste sentido? Nese suposto, ata onde pode chegar a oferta de opcións, cerca de vinte desde o domingo no Congreso, sen que se produza unha fartura que inviabilice a formación de Goberno, malia os extraordinarios réditos que seguen recibindo PP e PSOE do sistema electoral? Saturación de forzas políticas con representación.

Cómpre preguntarse, finalmente, se o movemento de placas tectónicas da política española dun vertixinoso quinquenio con catro eleccións lexislativas vai ir asentando ou seguirá cortexando o cataclismo. De entrada, os símbolos da triunfante nova política avellentaron con tal celeridade que contribuíron a converter a Vox en algo fresco e anovador diante de boa parte do electorado que, eu non sei se o sabe, está axudando a financialo co seu apoio, polo que transcende do anecdótico, como no seu día puideron ser os efémeros populismos de Jesús Gil ou Ruiz Mateos. Ata canto se poderán mover á dereita os, ata non hai nada, partidos centrais do sistema (PSOE e PP), nun contexto de dereitización social no que, non obstante, a cidadanía se autoposiciona cara ao centro-esquerda (4,5 no último barómetro do CIS na escala entre 1 -máxima esquerda- e 10 -máxima dereita-). E ata canto poderán ignorar ou agredir ao catalanismo político (tamén central no sistema ata non hai moito), xa que, como indica o profesor Fernández Teruel no seu comentario electoral de hoxe: «Algo que no ha cambiado ni va a cambiar. La gobernabilidad española pasa por integrar, en las formas y los tiempos adecuados, el papel de esa tercera España representada por los otros, los nacionalismos y regionalismos periféricos, que sigue y seguirá siendo imprescindible para hacer funcionar el sistema»; entre outras cousas porque, como sinala o profesor Pérez Royo, «el sistema político español, sin la contribución de los nacionalismos catalán y vasco, tiende al bloqueo», 36 escanos se incluímos o do BNG, a representación historicamente máis elevada dos nacionalismos periféricos. Imposible menosprezalos sen falsear a realidade. Saturación dunha polarización que, por moito que sexa o centro do universo mediático-político, é, por fortuna, de facermos caso ás enquisas do CIS, aínda socialmente minoritaria.