Desidia

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

08 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Repetimos rutinas. Coma naquela película protagonizada por Bill Murray, O día da Marmota, aínda que na nosa versión nacional hai lixeiros cambios que non achegan moito á narrativa. Botando unha ollada á miña columna do 26 de abril (o último venres antes das eleccións pasadas), pensei en cales eran as diferenzas entre o debate previo a aquela rolda electoral e o desta. Pois hai un home máis, e está á dereita. Polo demais, parece que non mudaron moito as cousas. Uns calan máis, outros falan de máis, e en xeral a foto é a mesma; aínda que, en vez de catro, hai cinco (ou sete) homes similares falando nun plural maxestático que contrasta coa sociedade diversa e plural que xa perdeu as ganas de escoitar.

Mañá é o día de reflexión no que ninguén reflexiona, e o domingo é o día no que os que aínda teñen esperanza irán votar para tentar avanzar nun país no que xa nos acostumamos a dar un paso cara adiante e dous cara atrás...

Arturo Pérez-Reverte, coa súa ironía habitual, chiaba esta semana, despois do debate: «Creo que realmente son os políticos que merecemos [...], encarnan o que fomos, somos e pretendemos ser». Ao principio, rin. E, logo, pensei: se están aí é porque os deixamos. Entón, por desidia, deixei de pensar no tema. E nese intre decateime de que é a desidia a que os pon aí. A nosa. Sabemos que os bos e xenerosos non rematan no poder, así que non nos preocupamos deles. Pensamos que, por moito que loitemos, non imos cambiar nada, e así, por desidia, todo segue igual.

Culpables somos todos: eles por non nos escoitar, e nós por escoitalos de máis. Se cadra ese podería ser o noso novo xeito de entender a política: deixar de escoitar aos que non fan nin deixan facer.