O outono, tan lindo e cinemascope, perdeu transcendencia. O transcendente hoxe son os programas do corazón e a telerrealidade coronaria, que vén sendo o espello onde nos miramos: somos así de bastos e vulgares e zafios e mentecatos? Somos tan mediocres? Estes mozos que concursan en realities son representantes da España mellor preparada da historia? Esvaezo, consúmome, clausuro o mando do televisor e prohibo na casa (prohibido non prohibir a estupidez) o uso e abuso desta nova droga consentida: a pantalla que humilla, aínda sen querer humillar. E sigo describindo o mundo. A literatura é un argumento escrito nunha folla de papel, ou sexa, que xa non importa a beleza: espida. A arte, tres brochadas. A filosofía queimou territorio. Só serven, na pantalla que humilla, as evidencias adúlteras ou as suposicións heterodoxas. Os instrumentos da gloria son outros: intelectos de baixa prestación, a indignidade. No outono, tan lindo e cinemascope, debían declarar clausurada certa ralea televisionaria. Sálvennos. Por sentido do honor. O honor que resta a aqueles seres residuais que aínda utilizan parte do seu tempo para filosofar. Porque a filosofía, disciplina marxinada, pode salvar ao ser humano da súa decapitación definitiva. Pensar alimenta o corazón. E o corazón alimenta a media España. Ou máis. Estou desesperado. Medito e sempre desembarco no mesmo mar: a intranscendencia. O intranscendente domina os puntos cardinais que podo mirar. Conclusión: o verdadeiro intelectual é aquel que non quere ser intelectual. Elas e eles. Divorcios, embarazos, insultos, labios de silicona, amoríos revoltos: cerebros cero. O outono perdeu transcendencia. Só queda esperar algún abril.