Amorearse

OPINIÓN

05 nov 2019 . Actualizado a las 22:36 h.

A xente quere xente. Dá igual que sexa un bar ou unha praia, o ser humano cre sentirse menos só entre a multitude. Camiñamos por lugares transitados, mesmo gabamos as caravanas de coches como síntoma de vida, e non parece importarnos facer cola para mercar o pan. Somos ovellas, unhas máis guiadas ca outras, pero ovellas a fin de contas. Miña nai, coma moitas outras nais e pais que fuxiron da aldea ás vilas, tamén abraza ese paso coma un síntoma de progreso e non deixa de me repetir que onde viven cen vive ti tamén, temerosa de que eu remate por me exiliar nunha aldea na montaña. Xa me gustaría, porque, a cada volta, gusto menos da multitude e non entendo como moitas vilas presumen non só de multiplicar por dez a súa poboación, senón tamén do feito de que case sexa imposible coller unha mesa nunha terraza ou estender a toalla nun anaco de area. A filosofía disto ten que consistir en que un paga para ser visto. Se non, como entender a eses coñecidos que madrugan no verán para chantaren o parasol na praia coma se estivesen a conquistar un país ignoto?

Este verán pensei se sería unha broma a noticia de que nalgúns concellos prohiban deixar soas toallas e parasoles, co risco de seren retirados pola policía local. En realidade, a medida non me estrañou tanto porque hai anos, en Cullera, cando baixei á praia, unha muller deu en me berrar porque eu quería sentar en primeira liña chegando ás once da mañá. Unha tolería que me fixo liscar de alí porque tampouco tiña moito interese en morrer afogado, máis de estreitura que de sol. Entendo que desas enxurradas de xente hai quen apaña cartos, mais négome a crer que iso sexa o ideal para vilas que aspiran a acoller non só aos visitantes, senón a todas as persoas que vivimos nelas durante todo o ano.