Dúas cegueiras contrapostas

OPINIÓN

04 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Negar os feitos cando son evidentes significa imposibilitar a súa solución. Aínda peor: perseguilos xudicialmente non significa outra cousa que eludilos, miralos de esguello, pasarllos a outros para que os resolvan, co que, ao cabo, o que se consegue é sinxelamente empeorar a situación.

Os políticos de verdade, os que saben da arte de equilibrar intereses contrapostos, procuran o diálogo para chegar ao pacto. É de sentido común, que segue sendo o menos común de todos os sentidos. Que é a democracia senón un pacto entre unha parte e os seus representantes elixidos por ela? Pero os malos políticos ignoran algo tan elemental, ou non teñen capacidade bastante para encararse cos problemas, polo que mellor sería que se dedicasen a outra cousa e non a pasar as súas responsabilidades a outros, que non van resolver nada, senón que empeorarán a situación.

Negar os feitos, diciamos, é imposibilitar a súa solución. Esta é xusto a política que se veu facendo neste país en relación cos -chamámoslle así- feitos diferenciais das nacionalidades históricas, e, en especial, no caso catalán -que non outra cousa significan os tristes acontecementos que estamos vivindo nestes momentos-.

Padecemos dúas cegueiras: unha orixinaria que nega unha realidade evidente (a singularidade catalá) e outra consecuencia desa negativa. Unha postura ferreña, numantina -polo tanto, violenta-, lévanos dereitos a outra postura ferreña, numantina -polo tanto, tamén violenta-.

Estamos esquecendo o máis elemental: que a política é unha arte, a arte de equilibrar intereses, nunca unha maneira para aguilloar a irracionalidade ou os baixos instintos ou deixar que os problemas podrezan no esquecemento. Refugar o diálogo poderá ser represión ou non, pero nada ten que ver con facer política.