Do idioma catalán

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

01 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos últimos meses son miles e miles os artigos que ten suscitado «a cuestión catalá», centenares deles publicados en La Voz de Galicia, este noso xornal. Boto de menos, nesa morea de páxinas, un tema que non só interesa aos filólogos, que ten que importar, forzosamente, a canto cidadán sinta a menor curiosidade ou a menor preocupación por esta cuestión: o idioma catalán, a realidade e a problemática do idioma catalán. É o idioma románico -como o galego, o castelán ou o francés- no que escribiron egrexiamente, entre moitos outros, Ramon Llull, Bernat Metge, Joanot Martorell, Ausiàs March, Jacinto Verdaguer, Ángel Guimerá, Narcís Oller, Joan Maragall, Eugeni D’Ors, Carles Riba, Josep Pla, Mercè Rodoreda, Joan Coromines, Joan Fuster, Salvador Espriu, Montserrat Roig e Raimon (e, con moito xeito, Álvaro Cunqueiro).

É a lingua que, aínda nos tempos máis represores do franquismo, falaba unha grande parte da burguesía, estamento no que miles de familias (médicos, profesores, avogados, comerciantes...) eran claramente franquistas. Aló polo 1952, Lola, da miña aldea, era criada de servir nunha destas casas cultas e acomodadas, xunto cunha rapaza de Toledo. Nese fogar, a lingua dos pobres, da clase subalterna, na cociña, era o castelán. Nas casas dos médicos de Ribadavia, franquistas ou non, o idioma dos acomodados era o castelán.

En Cataluña, as manifestacións do réxime de Franco contra o catalán chegaron a ser tan feroces como pintorescas. Nunha das primeiras, un capitán franquista, xa conquistada Lleida, ordenou fusilar un soneto polo simple feito de estar en catalán. Convén aclarar que esta composición poética figuraba inscrita na torre da vella catedral. Ignoro qué pensou o militar soneticida cando se decatou de que aqueles catorce hendecasílabos eran un canto fervoroso ao campanario da igrexa, soneto -por se fose pouco- de Magí Morera i Galicia (1853-1927), cidadán de feitura conservadora e escritor moi católico.

Pouco antes da morte de Franco, a produción bibliográfica en lingua catalá (daquela, idioma ausente do sistema educativo) era superior á do libro portugués en Portugal. A potencia do catalán -que viven e asumen millóns de falantes- fai deste idioma algo único dentro das chamadas linguas minoritarias de Europa, moi lonxe, por tanto, do sardo, do bretón, do occitano, do romanche, do gaélico, do corso... Ignoro se, co mellor dos Estatutos, esta realidade lingüística consolidaría e melloraría a súa magnitude e o seu potencial. Refírome, obviamente, nesta consideración, ao catalán de Cataluña, non ao de Valencia, nin ao de Perpiñán (Francia) nin ao de Alguer (Sardeña, Italia).

Porque a cuestión do catalán -do idioma catalán- é un factor determinante para achegármonos ao problema de Cataluña.