As mentiras

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

30 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Di José María García, o emblemático locutor que leva máis de cincuenta anos nas ondas, que o fútbol feminino é unha mentira. Máis de medio século de carreira profesional, a maior parte dela relacionada co mundo deportivo, para sentenciar deste xeito. O que máis me preocupa é que non é unha valoración á lixeira. Xustifícaa. Asegura que os xuvenís dos equipos de fútbol masculino gañarían sen contemplacións ás xogadoras de primeira. Aínda engade que cando enchen estadios é porque é de balde...

Así, di el, pasaría con outros deportes, nos que non poden medirse as forzas entre homes e mulleres porque considera que sería unha loita desigual.

E con todo isto, asegura que o deporte feminino é unha farsa.

Meditouno. Está convencido do que declara.

Saben o que é mentira? Que se teña avanzado na igualdade. Que lles dean as mesmas oportunidades e valor ás mulleres cá os homes. Que as teñan en conta, que non as rexeiten... que as queiran.

Esa é a triste realidade. Non nos queren en moitos ámbitos. Por moito que digan. Pode haber boas palabras, pero á hora da verdade pasan estas cousas. Pero todo acaba por saír á luz e, xa ven, non nos toman en serio.

Saben que? Que non lles interesa. Quen sabe, igual o que non queren é compartir o trono, que lles quiten protagonismo, que acaparen parte da atención.

Vivir sen competencia é máis cómodo. Pero a idea non é enfrontarse, sería a de compartir. Que queren que lles diga, pensei que o deporte tiña estes valores por bandeira, pero empezo a dubidalo.