Democracia: diálogo e pacto

OPINIÓN

28 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Algo tan evidente e manifesto, que a democracia é sempre diálogo e pacto, resulta ás veces dubidoso nun país con moi escasa cultura democrática, no que é máis doado o exabrupto que o raciocinio. Como dixera Moshe Dayan, a paz non se firma cos amigos, senón cos inimigos.

Algo tan claro e sinxelo habería que lembrarllo a todos os líderes políticos que hoxe se revolven aquí e acolá en procura dos votos para o 10N. Ao presidente en funcións, en primeiro termo, porque a súa reiterada negativa ao diálogo déixao quedar fóra de xogo, do xogo democrático, e fóra tamén das normas máis elementais da cortesía. Custa traballo comprender, con tantos asesoramentos como ten, que poida quedar enmallado nas redes da falta de estilo.

Xa non digamos os demais líderes políticos, especialistas case todos eles en negarse nin sequera ao inicio de calquera iniciativa, por mínima que sexa, de entendemento cos contrarios, o que, para eles, equivalería á traizón. Un ten que preguntarse que clase de demócratas, e de políticos, poden ser os que así pensan e actúan.