O debate das linguas

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

27 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Souben da obra de Rafael Ninyoles (Valencia, 1943-2019) polo profesor Alonso Montero, que en 1968 publicara en Buenos Aires O que cómpre saber sobre a lingua galega e en 1973 o seu Informe dramático…, libros de referencia na nosa sociolingüística que, ademais, abriron un importante debate sobre a realidade e o futuro do idioma. Eran os derradeiros anos do franquismo. Nos seus escritos o profesor galego introducía un concepto que daquela era novo entre nós: dilinguismo fronte a bilingüismo. Dilingüismo que, en parte polo posterior coñecemento das achegas teóricas de Charles Ferguson en 1959 e Joshua Fishman en 1968, virou no termo diglosia, máis recoñecido internacionalmente.

Fronte ao bilingüismo, a diglosia describe unha situación onde dúas linguas, que aparentemente conviven nunha colectividade, teñen funcións e representacións sociais moi diferentes, mesmo xerarquizadas: unha lingua A, que é a lingua do Poder, o código dominante no que a comunidade recoñece os valores de prestixio, representación institucional, orde política, económica e cultural; e unha lingua B que poderiamos denominar familiar, para andar por casa, lingua para a tradición e o folclore, non recoñecida nin valorada nos ámbitos de dominio. Tal era a situación do galego que describía Alonso Montero nos seus libros e a que describía o sociolingüista Rafael Ninyoles para o País Valenciano, non así para o caso do catalán, que tiña unha problemática diferente.

Rafael Ninyoles finou hai poucas horas na súa Valencia natal. Xunto co seu paisano, o profesor Luis Vicent Aracil, dous anos máis novo ca el, mesmo poderiamos dicir que son os pais da sociolingüística catalá. Non quixera esquecer os traballos de Francesc Vallverdú nesta especialidade. Mais todos son contemporáneos. A disciplina, alén de antecedentes históricos que son anécdotas, xorde en España contra finais da década dos anos 60 e nos primeiros anos 70, que é cando empezan a manifestarse de xeito sistemático estas preocupacións.

Unha das estratexias de Ninyoles, que afortunadamente comparten outros teóricos, foi presentar a cuestión lingüística non reducida exclusivamente ao ámbito da especialización científica, senón levala ao debate público, concibida en termos de política de Estado. O catalán, o éuscaro, o galego, na medida en que son realidades sociais e patrimonios históricos, non poden ser ignorados polo conxunto dos españois, alomenos mentres sigamos defendendo a existencia dun Estado común. Cómpre unha política de linguas que debemos debater e promover entre todos. Así o entendía cando publicou en 1972 Idioma y poder social, ou Cuatro idiomas para un estado en 1977, que subtitula: «El castellano y los conflictos lingüísticos en la España periférica». Miquel Siguan continuou estes traballos: España plurilingüe (1992), La Europa de las lenguas (1996).