Violencia

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Alédome de que estas cousas me collan fóra porque así exerzo a distancia poética. As mobilizacións contra a sentenza que mantén no cárcere os políticos cataláns cóllenme na Feira do Libro de Frankfurt, e, seguramente porque levo días pensando noutra lingua, dáme por examinar unha palabra repetida: «Violencia». Obvio Facebook e os vídeos que me mandan desde Barcelona. Deixo todo en suspenso e recupero á filóloga que aínda son para atender só á definición de dicionario, e decátome de que é un deses termos que só teñen sentido a canda un referente, unha violencia concreta, un acto con consecuencias que non dependen da intensidade da agresión senón do dano experimentado polo agredido. Todo é relativo, penso, e aí a escritora acaba coa filóloga. Sempre me pareceu máis clarividente a literatura.

Entón é cando vou ás imaxes no meu móbil. Teño a sensación de repetición de algo visto, pero non precisamente en guerras, batallas nin actos terroristas. É algo máis simple, máis familiar. Quizais daquela mañá en que os traballadores do metal ergueron unha barricada diante do meu portal que deixou no asfalto un burato que ninguén arranxou por non profanar o símbolo dunha forma de protesta. Quizais a memoria xuvenil dunha carga policial. Quizais aqueles autobuses queimados, cócteles molotov, mozos correndo. Claro que, en todos eses casos, había neste país interesadamente desmemoriado outra violencia que se erixía en referente, a das bombas e a angustia, non a que fede a moralismo, a chío en Twitter, a efectismo e desesperación ante a molestia. Pero que molesta tanto?, pregúntome. A agresión está no oxímoro catalán amosado ao mundo: o país que di querelos só quere obrigalos a que o queiran. A típica relación tóxica.