39 almas

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

VICKIE FLORES | efe

Trinta e nove almas coma trinta e nove suspiros. Case corenta vidas que se apagaron coma quen extingue a lapa dunha candea cun sopro.

Trinta e nove esperanzas esvaecidas. Ilusións, soños, anhelos que quedaron polo camiño.

Hai quen di que debemos ser moi cautos coa ambición, que pode ser perigosa. Claro que cando o degoiro consiste en pretender vivir con dignidade, diría que a ambición se converte nun dereito humano, case unha esixencia.

E iso é, presuntamente, o que buscaban as persoas que se atoparon, xa sen vida, dentro dun camión no Reino Unido.

Hai situacións nas que non sabería como reaccionar. Se me tocase a min abrir a porta do vehículo e descubrir máis de tres ducias de cadáveres, descoñezo como actuaría. Do que non teño dúbida é de que a imaxe se gravaría por sempre na miña mente. Porque hai feridas indelebles.

O suceso faime reflexionar igualmente. Non é a primeira vez que ocorre. Persoas que foxen da situación na que viven, de maneira arriscada, buscando un futuro mellor. Móveos a supervivencia, por iso comprometen a súa vida ata o límite.

E aínda haberá quen se aproveite desta situación, máis do que imaxinemos. Tamén hai quen, amparados baixo unha antuca que bautizan como axuda, se entregan á neglixencia sen moitos escrúpulos.

Non vou xulgar a acción, para iso existe un sistema xudicial que se responsabiliza de investigar o asunto. Pero non podo pasar por alto que hai 39 persoas que perderon a vida dentro dun camión cando fuxían dunha vida indigna.

Reflexionemos.