Pallasadas


Cando o Chikilicuatre rebentou as esperanzas de cantantes e fans que se tomaban en serio o festival de Eurovisión, podiamos ver xa un adianto democrático de cara a onde podían levar as cousas noutros terreos coma o da política. Houbo intentos histriónicos e populistas coma o de Jesús Gil ou Ruiz-Mateos, con mensaxes aceptadas por miles de votantes que vían estas persoas capacitadas para resolveren os seus problemas, con independencia das saídas de ton e a súa vulgaridade. Nos últimos tempos temos exemplos paradigmáticos fóra das nosas fronteiras, con xente sen ningún tipo de experiencia política que deron saltos de vertixe para intentaren dirixir mesmo un país. Velaí a Jimmy Morales, que de pallaso pasou a presidente de Guatemala, sen máis creto que o lema populista «Nin político, nin ladrón», ou os comediantes Zelenski en Ucraína ou Giuseppe Grillo en Italia. A estes casos ben poderiamos engadir moitos máis, entre os que non renxería alguén coma o presidente Trump, que non considero pallaso por respecto a un colectivo que ten toda a miña admiración, pero si que critico pola súa excentricidade e polo desprezo que amosa a todo o que o amola. Nesta restra de seres tan ridículos con poder podiamos incluír moitos políticos que abren a boca por non estaren calados e só cospen parvadas que, máis que a eles, a quen ridiculiza é a quen os votou. Un pode aceptar que, tras a perda de respecto cara a líderes políticos, o sistema democrático leve a Ayuso a ocupar a presidencia da Comunidade de Madrid ou a unha persoa coma Jácome á alcaldía de Ourense, pero o que nunca poderemos referendar son as súas parvadas porque, despois de todo, non son pallasos e, a min, persoalmente, non me fan ningunha graza.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
30 votos
Comentarios

Pallasadas