A vida do actor

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

22 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Caeu Toño! Así soubemos na familia da caída do actor Toño Casais mentres preparaba unha actuación teatral. Toño é veciño, coñecido de toda a vida, de aí a familiaridade ao transmitir a preocupación.

Toño é un actorazo e, ademais, coñecido. Ás veces o bo facer e a fama non van da man, pero neste caso si.

Disto hai un mes. Toño estaba, coma tantas veces, preparando a montaxe dunha función teatral na que participaba. E caeu. Caeu e o golpe foi malo, e o carácter das lesións, grave. A nova espallouse chea de preocupación.

Toño poñerase ben axiña, non teño dúbida. Estou desexando volver velo actuar. Pero aínda non pode.

A xente, alén do susto, quedou sorprendida polo momento no que sufriu o accidente. Estaba a montar a escenografía. El, actor. Pero é que a vida dos intérpretes tamén é esta: cargar furgóns, facer quilómetros, descargar, montar escenario, actuar, desmontar escenario, cargar furgón e... a ritmo de tartaruga polas estradas do país. O que oen. Subir escadas, transportar paneis ao lombo, suar, lavar e pasarlle o ferro á roupa... Hai un traballo inxente detrás do que logo gozamos.

Despois pareceralles caro pagar unha entrada para ver actuar en directo a estes profesionais, verdade? Amais de memorizar o texto (que, ollo, non é cuspilo despois, é interpretalo, meterse na súa pel, sufrir os seus sentimentos), hai outro tipo de ocupacións detrás. Xa non falemos do investimento de tempo e cartos.

A arte e a cultura aínda non están valoradas. Pensen nisto cando vaian consumilas.