Na noite


Dende ben novo sempre me prestou a noite. Gústame para as festas e para gozar do silencio, para ler e para escribir, para escoitar e compoñer músicas, para escoitar e practicar radio e para todo o que polo día me resulta máis difícil ou menos atractivo. Pese a ser trasnoitador, sempre durmín moi ben. Tardaba e aínda tardo en deitarme, e así aproveitar ese tempo de sosego que gozo dobremente onde vivo, en que o único que podería chegar a ser perturbador é o son da forza do mar cun forte temporal de inverno ou algunha esporádica tormenta.

Gusto moito tamén de me asomar pola fiestra na madrugada e sentir os sons propios da noite, e, en especial, os que xeran os insectos e as aves nocturnas. Hai unha combinación marabillosa de sons limpos, perfectamente definidos, que ás veces se mesturan entre eles, creando unha curiosa e abraiante atmosfera que ata pode resultar tamén algo inquietante. As aves nocturnas cos seus cantos e rituais son fascinantes e todo un mundo digno de estudo. O canto das curuxas e dos mouchos vouno identificando sen entrar en moitos detalles, e incluso descubrín o que eran as egragópilas (restos de alimentos non dixeridos regurxitados por este tipo de aves que conteñen todo aquilo que non son capaces de dixerir onde hai pelo, pequenos ósos, plumas, unllas, dentes…), que eu vía en forma de bólas agrisadas na base dunha cheminea da casa onde tiñamos aniñando un moucho.

Tamén teño levado uns bos sustos ao ver pasar as curuxas voando por diante das ventás da casa coa súa forma espectral, e tan de súpeto que non che daba nin tempo a reaccionar. O canto nocturno coñecido e habitual nunca foi problema, pero si o era cando na época do celo berraban e eu non identificaba ese son estremecedor que sentía nas noites semellante ao dun neno sufrindo.

A verdade é que son animais marabillosos e nobres que cumpren unha función ambiental moi importante. A súa presenza é indicativa de como está a natureza que te rodea, e eu, como nocturno habitual, declárome moi fan deste tipo de aves rapaces, tan próximas e familiares que xa as considero unha normalidade cotiá, do cal me alegro, porque, se deixo de escoitalas e velas, creo que sería un indicativo de que algo non vai ben.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
40 votos
Comentarios

Na noite