Aprender co móbil

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Jose Manuel Casal

07 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

As novas tecnoloxías non son a panacea para os problemas da educación, aínda que si imprescindibles como medio que facilita a aprendizaxe. Pero este aspecto é o menos aproveitado, en comparación co seu uso para os diversos ámbitos da vida cotiá. Desde que a finais do pasado século XX se iniciaba en Galicia o primeiro programa de implantación das TIC no ensino, moito se ten avanzado en dotación de equipos, informatización dos centros ou plans innovadores. Non ocorreu así co que debe ser o obxectivo esencial deste esforzo económico: conseguir que os alumnos sexan capaces de utilizalas para mellorar o seu rendemento académico.

Os rapaces dispoñen axiña de ordenadores, tabletas e sobre todo móbiles, cunhas capacidades tecnolóxicas excepcionais, que utilizan principalmente para o ocio ou a comunicación. Xogar, escoitar música, navegar ou atender as redes sociais son as principais actividades, que incluso se levan a cabo en horas escolares. Non obstante, como constatan diversas investigacións, as súas competencias dixitais necesarias para a actividade académica son baixas e polo tanto utilízanse mal. Por exemplo: unha alta porcentaxe de escolares emprega o móbil para axudarse na realización de deberes na casa, pero abusan de copiar e pegar e carecen dunha adecuada formación para seleccionar na Rede ferramentas idóneas de busca e fontes de información válidas.

Por outra parte, o xeneralizado abuso das tecnoloxías está a prexudicar tamén a aprendizaxe do alumno, pois reduce a súa capacidade de concentración e incrementa o aprazamento de tarefas. A pantalla distrae moito máis que o papel e bolígrafo e os aparellos non se conciben como un medio para axudar ao traballo intelectual autónomo, senón como un fin en si mesmos, que proporciona diversión e mesmo pracer, causa do incremento de casos de adicción e de illamento social. Esa falta de motivación cara ao uso das TIC para estudar, é un dos principais atrancos na adquisición de competencias dixitais específicas.

Non se trata, nas primeiras etapas do sistema educativo, de que o alumno aprenda só, senón de que coa axuda do profesor sexa capaz de adquirir as capacidades necesarias para seleccionar a información adecuada na inmensidade de Internet, investigar e aprender. Este obxectivo non se vai conseguir sen dúas medidas cada día máis imprescindibles: limitar o uso das TIC nos fillos para fins comunicativos e de ocio e que os gobernos se centren en mellorar a eficiencia no manexo destas tecnoloxías para a aprendizaxe do alumno. Hai aínda moito profesorado sen a suficiente formación e compromiso para levar a cabo este labor e, como consecuencia, falta tamén igualdade de oportunidades para tódolos escolares. Mágoa que o móbil, coas súas colosais posibilidades, non se converta, polo menos nun pouco do moito tempo que se lle dedica, no gran aliado do ensino!