01 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

E como quen non quere a cousa xa estamos no outono, tempo no que me tocou nacer e probablemente a época do ano, a estas alturas da miña vida, que máis me gusta. E gústame polos seus cromatismos, polas variacións climáticas e polo diferente que se pode ver o ceo cada día que pasa. Tamén porque é época de colleitas e porque son os primeiros días de prender o lume das chemineas e o seu arrecendo tan cargado de boas lembranzas.

Sei que hai moita xente que sinte melancolía de deixar atrás o verán cos seus días longos, o caloriño, as festas e o tempo de lecer. E non digo que a min non me guste, pero reitero que, a estas alturas da miña vida, prefiro a tranquilidade e o sosego do cromático outono. Supoño que superada a barreira dos 50 anos a vida pega cambios que ata ese momento eran impensables. Recoller mazás, noces, abelás ou castañas, con todo o ritual culinario que isto implica. Ver como as árbores autóctonas van mudando a cor das súas follas e como paseniñamente van caendo ao chan resúltame hipnótico e admirable, igual que a chegada dos primeiros fríos e chuvias que darán de novo forza ás nosas fontes nun proceso cíclico tan necesario.

Creo que non se nos educou debidamente no respecto á natureza e ao medio ambiente como para entender o significado destes procesos naturais que maiormente pasan de xeito rutineiro e desprovistos de valor ante a nosa indiferenza. O asunto é que coa problemática das variacións e desaxustes do clima a nivel global, non moi tarde, por desgraza, iremos vendo cousas que nos farán recapacitar.

Neste senso eu aplaudo a mobilización que a nivel mundial está a facer a xente máis moza en favor dun novo entendemento e respecto á nai Terra, e valoro moi positivamente a chegada de voces como a de Greta Thunberg que, pese á controversia que poida crear, fixo remexer algunhas conciencias e formular un debate vital para todos os que vivimos neste lugar chamado planeta Terra, de momento o noso único fogar. E que nunca teñamos que deixar de gozar da xenerosidade da natureza e da fermosura de cada unha das estacións segundo gustos, coma no meu caso, do outono que agora comeza.