Un novo aparatiño

Marina Mayoral
Marina Mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

18 feb 2020 . Actualizado a las 11:30 h.

Leo a noticia dun novo xoguete erótico para mulleres que se anuncia como o non vai máis e basea a súa atracción en características de grande interese para o sexo feminino, segundo din. Non toca o corpo da muller: emite ondas electromagnéticas, e mantense a unha distancia que garante a asepsia. Outra característica resaltada é a súa forma, diferente á dos vibradores clásicos que lembran , máis ou menos, o órgano sexual masculino. E o punto forte do aparello é que promete orgasmos espectaculares en dous minutos de estimulación.

 Todo o que sexa darse unha alegría ao corpo, sexa masculino ou feminino, sempre que non dane a saúde, paréceme de perlas, pero moléstame a publicidade baseada en supostos falsos, neste caso as preferencias das mulleres.

No que se refire á súa forma e á distancia de uso, encontro ridículo emendarlle a plana á natureza que logrou un encaixe perfecto entre o parafuso e a porca. Non creo que ese sistema moleste ás mulleres, aínda que algunhas prefiran formas distintas. E en canto á rapidez en chegar ao clímax, paréceme pouco estimable e propia da mentalidade masculina. Para que tantas présas? Dous minutos! Se a fumar un pitillo ou tomarse un café dedícaslle dez minutos polo menos, por que dedicar menos a ese outro pracer? As cousas ben feitas levan o seu tempo. E amodo e aos poucos os praceres saboréanse mellor. Polo menos as mulleres. Creo que terán que melloralo… e tamén creo que me vou parecendo ao meu avó, que opinaba sobre os avións: «Este invento aínda ten que perfeccionarse». O mesmo penso eu do Satisfayer.