¿Podemos ou «Esquecemos»?

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

Ricardo Rubio | Europa Press

27 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Tamén o demo (ou o diaño) pode cargar a semántica dos verbos cando estes dan nome a un colectivo político. Hai moi poucos anos daba xenio, nos mitins de Podemos, fosen en Lugo, fosen en Cuenca, oír o enunciado «Sí se puede»: mesmo parecía, a xulgar polos primeiros éxitos electorais, que as grandes demandas dos que sofren a historia acababan de atopar os intérpretes correctos e os lexisladores eficaces. Aqueles políticos, basicamente novos, algo sabían dun sistema con tan poucas entrañas éticas como o capitalismo. Sabían bastante, pois eran lectores atentos e agradecidos do Sabio de Trier, de Rosa Luxemburgo, de Antonio Gramsci, de Juan de Mairena, de Passolini, de Manuel Vázquez Montalbán, de Bertold Brecht, de Francisco Fernández Buey… Millóns de persoas, non poucas fartas de esperaren (de esperarmos), acollérense (acollérmonos) a aquela mocidade que viña do 15M, aquel vento descontaminador e transformador. Non había ningunha razón para que os vellos non se sumasen a un discurso político e literario no que soaban, ao seu xeito, voces sen as cales non se pode formular un discurso intelectual humanista. Novos e vellos aturuxamos de ledicia. Daba xenio velos!

Os vellos -cómpre salientalo- fixémolo cunha miguiña de cautela, que resultou profética. En efecto, non tardaron en viren os resultados negativos, a perda inxente de votos, que non era atribuíble aos adversarios (as tres dereitas e algo máis). Se algo sabe Podemos -formación política deseñada por universitarios expertos nas arterias fedorentas do capitalismo- é que os grandes poderes fácticos e os grupos políticos que os representan son incompatibles con calquera partido de esquerdas, e esa é a bandeira de Podemos. Non estraña, pois, que un representante moi cualificado do empresariado español proclamase, o día 21, que Podemos debería estar fóra de calquera goberno de coalición. Proclamouno sen eufemismos. É significativo -e vergoñento nun Estado democrático- que Podemos estea, dende hai tempo, no punto de mira dun organismo oficial que a prensa europea chama «as cloacas da Policía».

Pero non son estes feitos nin estas opinións os causantes do enorme descenso electoral de Podemos, circunstancia que os seus responsables coñecen ben, tan ben que sería anticientífico non ter en conta esas circunstancias. Sería desconcertante que un partido de esquerda non provocase semellantes embestidas.

Xa aquí, debo aclarar que eu, simpatizante de Podemos -con matices e cada vez menos-, non opino publicamente, nesta ocasión, sobre o tema que máis preocupa e ocupa á xente: a controversia, que derivou en xenreira, co PSOE, xenreira -digámolo tamén- na que Pedro Sánchez foi un destacado gladiador. Eu, neste rebumbio informativo, non me pronuncio sobre esa polémica pois trato de poñer o acento nos dirixentes de Podemos en canto responsables do descenso electoral -case unha desfeita- dun partido que hai ben pouco tempo entusiasmaba a moitos esquerdistas (novos e vellos). De feito, a unha chea deles engaiolounos. Eu non pasei dun certo entusiasmo, o suficiente para converterme en compañeiro de viaxe sempre que me deixaron.

En realidade, o que se lle pide a Pablo Iglesias -sinécdoque por cúpula do partido-, ademais dunha fonda autocrítica, é unha metodoloxía que poña fin a personalismos, divismos e fragmentarismos (nas últimas eleccións, un camarada de Pontevedra preguntaba: «Quen son os nosos?»). Entre outras cousas, cómpre volver aos métodos da seriedade, esa condición de serio que lle atribúen en Portugal a Jerónimo de Sousa, o secretario xeral do Partido Comunista Portugués, que tamén cogoberna cando procede co Partido Socialista, maioritario, e co Bloco. Pouco se pode facer antes do próximo 10 de novembro no camiño da antifragmentación e da seriedade, pero cómpre comezar xa. A Esquerda merece este compromiso, e a xente -os desfavorecidos da historia- non entenderán outra cousa.

Artigo escrito o 23 de setembro, antes del anuncio de la candidatura de Íñigo Errejón.