As eleccións xa foron

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Seica temos que votar. Claro, porque non temos outra cousa que facer. Votar, aturar os insultos entre os partidos políticos, botarse a culpa continuamente uns aos outros, coller vacacións pagadas, seguir facendo que lles importamos e, ao final, volver votar.

Dáme igual o que digan uns e outros. Son todos responsables, conxuntamente, de volvernos mandar ás urnas. Entre todos non xuntan a suficiente responsabilidade política para achegar posturas e unirse en beneficio do país. Si, si. Cóntenme o que queiran, escúsense no que máis lles apeteza pero... tanto Xan coma Pericán. Uns polos outros e o país sen Goberno porque non hai acordo. E todos, iso si, xactándose de ser os máis democráticos e exemplo de corrección.

Non sería corrupción?

Saben que lles digo? Que se repetimos eleccións o único que merecen é que vaiamos votar exactamente os mesmos que fomos da outra vez, e repitamos todos o noso voto. Si. Darlles o mesmo resultado e obrigalos a entendérense, que para iso son políticos, ninguén os obrigou. Porque agora son eles os que nos obrigan a nós a facerlles o traballo e resolverlles o problema. E xa está ben.

Eu non elixín a política como profesión. Teño abondas cousas das que ocuparme como para perder o tempo nas súas disputas dialécticas e as súas loitas de poder e ego. Sinto lembrarlle que vostedes non están aquí para iso. Están para servir á sociedade. E non o están facendo. O embigo que teñen que mirar non é o propio, é o de todos os que agardamos que se poñan a traballar.