Cando lle deron a noticia do que fixera o seu fillo, o primeiro que lle veu á cabeza foi unha imaxe del sendo bebé. Os bebés non matan a tres mulleres a balazos. Ela non lle ensinou iso, por deus. Foi entón cando á nai do asasino lle deu iso que chamaron ataque de ansiedade, e que en realidade era só incomprensión. Curouno logo dicindo na tele que é un santo, porque é máis fácil deixar a incomprensión incomprendida e ficar coa parte que si depende dunha: a do neno que fixo a comuñón e casou pola igrexa, a do que chorou no cemiterio a morte do pai. Os santos, ademais dalgún milagre ou algún martirio, fan esas cousas.
E ten razón. A tendencia noxenta a poñer o ollo nas nais dos asasinos ten a mesma orixe cá dos propios feminicidios. Van por ela para atopar unha responsábel, sempre muller, que o libere a el da culpa e lle permita seguir sendo o bo veciño, o tipo dominante como tantos, o que saía dun divorcio; escusas que colocan a culpa na nai, nas mulleres mortas ou quizais nunha enfermidade mental. E así seguiremos morrendo de tres en tres e as cámaras seguirán acosando ás nais dos bos veciños, mentres as mortas «cheas de vida» litigaban pola casa. Non sei por que, os epítetos das vítimas soan sempre a acusación.
Matar mulleres ten sempre un cento de sutís xustificacións. É a solución á contradición, á frustración e ao rexeitamento para demasiados homes, porque aínda consideramos que un home non pode ser contradito, frustrado e rexeitado. Velaí. Os minutos de silencio e toda a parafernalia non serven para protexernos desa certeza terrorífica. Son só remendos para que non saibamos a verdade: é mellor matarnos que deixarnos exercer a liberdade. Coma en calquera guerra.