Gila no 10-N


Quino, o gran humorista gráfico arxentino, definíase en 1991 como un home tímido e serio que ve a vida en cor Guernica de Picasso, e engadía: «El único humorista que me hace reír es Gila. Con él y con sus dibujos disfruto como no lo hago con nadie». Supoño que Gila recibiría esa declaración como un valioso premio porque a viñeta foi sempre prioritaria no seu facer de humorista e así o recoñeceu en 1995, no libro Y entonces nací yo: «Más allá de mis actuaciones, lo que más amo es el dibujo humorístico, que sigo y seguiré practicando».

Tamén eu rin con moitas viñetas de Gila, de personaxes grotescos e trazo infantil, en perfecta simbiose co texto; e nas conferencias que imparto sobre o humor mostro unha do comezo da Transición que reflicte a peculiaridade daquela realidade social. É a dun matrimonio burgués que comenta a un progre: «Pues nosotros también somos de izquierdas, pero todavía no».

No prólogo do libro Miguel Gila, editado en 2011, Forges evoca o programa de radio que, en 1954, Gila facía en directo na SER: «A partir de ese momento, todo lo gris del franquismo cotidiano desaparecía, convertido en lo multicolor del ingenio, la sonrisa y la ensoñación». Nese prólogo, Forges afirma que as maxestades humorísticas españolas, os Reis Magos do humor, son Cervantes, Quevedo e Gila. E remata: «¿Admiración excesiva? Ninguna admiración puede ser excesiva si se trata de Miguel Gila».

Por que falo hoxe de Gila se xa o fixen en marzo, no centenario do seu nacemento, e ata recordei un monólogo inédito? Por estraña asociación de ideas, non podo deixar de relacionar o fracaso da negociación política para formar goberno e a convocatoria de novas eleccións, cos seus monólogos disparatados e surrealistas. Vexo a Pablo Iglesias, co casco militar e o teléfono de Gila, chamando a Pedro Sánchez: «¿Es el enemigo? Que se ponga». Pero o presidente interino non se pon e non hai diálogo, nin monólogo. Véxoo rexeitando, indignado, a vicepresidencia social e os tres ministerios que Pedro Sánchez lle ofrecera en xullo, porque lle pareceron «carteiras florero», e venme á mente a imaxe de Gila na guerra, protestando porque lle mandaron dous canóns sen buraco.

Penso nos cinco meses perdidos nun diálogo de xordos, nos pulsos botados a brazo partido, e vexo a Pedro Sánchez, Pablo Iglesias, Albert Rivera e Pablo Casado no campionato de forza que facían no pobo de Gila, cando poñían no medio da praza una pedra enorme e eles, cunha carreiriña de quince metros, crebándoa a cabezazos.

Percibo a frustración do electorado, convocado por cuarta vez en catro anos, e descubro a Pedro Sánchez co uniforme de bombeiro e o teléfono de Gila, chamando a unha muller de nome Paciencia: «¿Usted que nota, como calor, como sofoco, no? Eso va a ser un incendio sí».

Sen lume, pero incendio é; e a cidadanía bota fume con eses 140 millóns que se van gastar o 10-N, para sumar 540 en catro anos.

Buscaba o remate para este artigo cando Moncho Borrajo me enviou unha viñeta da súa autoría sobre as próximas eleccións, na que a urna ten forma dun par de nádegas en pompa e os electores introducen as papeletas pola regaña. Podería ser de Gila.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
49 votos
Comentarios

Gila no 10-N