Picasso e Olga

OPINIÓN

13 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A figura de Olga Picasso, a primeira esposa do gran pintor español, serviu de pretexto para unha exposición que se presentou en París na primavera do 2017 e que pretendía conmemorar o centenario de cando se coñeceron e formaron parella (1918). Agora esta singular exposición pódese ver en Madrid. A proposta pretende redescubrir e reivindicar o chamado «período Olga» de Picasso, pero tamén amosar o influxo da sucesión amor-desamor nas súas vidas e na obra do pintor. Porque, dito polo breve, a evolución vital e sentimental da parella está retratada nos cadros dun Picasso moi namorado, pero que, co paso do tempo, se foi convertendo nun minotauro pechado nun labirinto de novas pulsións vitais e de amores sucesivos, que retratan a complexidade e a ambivalencia das relacións do artista coas mulleres a finais da década de 1930.

A evolución da figura de Olga nos cadros do pintor é sorprendente, pasando desde a dozura inicial -cando compartían o fillo que tiveron xuntos en 1921- ata a metamorfose dese mesmo amor como consecuencia do cambio de Picasso e a inconsolable frustración da súa dona. Todo isto está á vista nos cadros da exposición. Nada que ver entre a dozura dos retratos iniciais e o desapego -frío, duro, cruel- que amosa despois, cando, en 1927, Picasso coñece a unha moza de 17 anos (Marie-Thérèse Walter), que axiña se converterá na súa amante, para gran desconsolo de Olga.

Despois de facer un percorrido por estas obras e pola evolución e o desapego que retratan, é doado adiviñar a soidade e a dor de Olga, que -como di o catálogo- «é o reflexo da soidade e o sufrimento dunha esposa que, ata o día da súa morte en 1955, seguiría escribindo cartas diariamente a quen consideraba o seu marido a ollos da lei».

Olga Khokhlova nacera en 1891 en Nezhin (cidade do antigo imperio ruso, que hoxe é a Nizhyn de Ucraína). En 1912 entrou na gran compañía dos Ballets Rusos. Coñeceu a Picasso en Roma en 1917, cando o pintor preparaba os decorados e o vestiario do ballet Parade. Casaron o 12 de xullo de 1918 nunha igrexa ortodoxa rusa, con Jean Cocteau, Max Jacob e Guillaume Apollinaire de testemuñas. Así comezara o «período Olga».